Camilio Nogueira e Fermín Bouza, premiados tamén polo seu compromiso co galego
26/5/2010
O pasado 23 de maio, a Fundación Pedrón de Ouro celebrou, na Casa Museo de Rosalía (Padrón), o acto público de entrega dos premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra, que nesta edición recaeron en Camilo Nogueira e Fermín Bouza, respectivamente.
No caso de Camilo Nogueira, recoñécese o seu labor reivindicativo e normalizador nos ámbitos cultural, sindical, político e lingüístico. Neste último eido destácase o seu labor parlamentario no proceso de elaboración da actual Lei de Normalización Lingüística.
De Fermín Bouza valórase a súa traxectoria como docente universitario, activista político e escritor en lingua galega. No eido sociolingüístico, destácase o seu compromiso coa defensa do idioma galego a través do blog El voto con botas.