----

O 9 de xullo ás 19 horas o Consello da Cultura porálle o ramo ás conmemoracións dos seus 25 anos cun acto solemne que reunirá a 150 persoas

<img src="http://consellodacultura.org/files/2009/07/fachadabandeirolas2.JPG">

<em>Bandeirolas conmemorativas do 25 aniversario do Consello da Cultura na sede do Pazo de Raxoi</em>

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2009.- O Consello da Cultura Galega (CCG) poñerá fin ao programa de actividades conmemorativas dos seus 25 anos (1983-2008) cun solemne acto presidido polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A sesión terá lugar no salón de actos da institución o xoves, 9 de xullo ás 19 horas e contará tamén coas intervencións de Ramón Villares, Presidente; Alfonso Zulueta de Haz, expresidente; Victor Manuel Vázquez Portomeñe, Conselleiro de Educación e Cultura da Xunta en 1983, e Francisco Díaz-Fierros Viqueira, membro do primeiro plenario. A conmemoración dos primeiros 25 anos da institución celebrouse baixo o lema CREAR CULTURA, IMAXINAR PAÍS, e incluiu diferentes actividades, entre as que destacaron seis foros de debate e unha exposición que está a percorrer as principais cidades de Galicia. As celebracións comezaron o 8 de xullo de 2008 e rematan un ano despois.


<!--more-->
O solemne acto que clausurará os actos conmemorativos dos 25 anos do CCG reunirá unhas cento cincuenta persoas e, ademais das intervencións referidas, e a entrega das insignias do Consello aos antigos membros do Plenario, incluirá un recital de violín e piano. Pedro Rodríguez (violín) e Maximino Zumalave (piano) interpretarán “Preludio e allegro”, de Fritz Kreisler e “Romance”, de Andrés Gaos.

CREAR CULTURA, IMAXINAR PAÍS

Inseparable da dinámica e das expectativas abertas no marco institucional autonómico, o Consello da Cultura Galega contribuiu coas súas actividades e iniciativas a impulsar e proxectar as fondas transformacións visibles no panorama cultural galego. A celebración dos seus 25 anos, baixo o lema “Crear cultura, imaxinar país” permitiu, en palabras do seu Presidente, Ramón Villares, fixar novos obxectivos, reflexionar sobre o papel e a evolución da cultura -humanística e científica- e redefinir e ampliar a posición do CCG no marco institucional e no universo cultural de Galicia”. Villares lembrou que o CCG “non é un axente creador de bens culturais, senón unha institución mediadora entre a sociedade e os poderes públicos fundada en dous piares: pluralismo na súa composición e autonomía organizativa no seu funcionamento” e subliñou os cometidos de alta asesoría cultural e a dimensión de fogar da cultura galega como referencias inescusables da súa actividade, transcorridos os primeiros 25 anos.

Entre outras actividades, o CCG puxo en marcha ao longo de 2008 seis foros de debate: Galicia na sociedade do coñecemento. Olladas críticas sobre a paisaxe, Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade, Creación artística e identidade cultural, O valor crítico dos bens culturais e Cultura e política. Programouse tamén, en colaboración con Caixanova e a Xunta de Galicia, a exposición “Galicia 25. Unha cultura para un novo século. Consello da Cultura Galega, 1983-2008”, que, desde outubro de 2008, percorreu Vigo, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Ourense. Está actualmente en Lugo e visitará tamén A Coruña.

Na actividade do Consello da Cultura é salientable desde hai dez anos unha especial atención á aplicación e á utilización das novas tecnoloxías da información e da comunicación. O seu web institucional: <a href="http://www.consellodacultura.org/">www.consellodacultura.org</a> e o seu oportal cultural: <a href="http://www.culturagalega.org/">www.culturagalega.org</a> son a proba dese compromiso imprescindible ao servizo da cultura e de Galicia por parte dun organismo que, segundo Ramón Villares, “é peza esencial do entramado institucional do réxime autonómico de Galicia, porque ten a misión de servir de canle para a “biodiversidade” propia da creatividade cultural e a obriga de lle dar unha expresión formalizada”.

INSTITUCIÓN ESTATUTARIA

O Consello da Cultura Galega é unha institución estatutaria. Foi creado, dacordo co previsto no artigo 32 do Estauto de Autonomía de Galicia, por lei do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983, do 8 de xullo). Definidida como institución asesora e consultiva, con capacidade de iniciativa, investigación e organización á que compete a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, ten personalidade xurídica propia, plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, goza de plena autonomía orgánica e funcional e actúa con independencia dos poderes da comunidade autónoma e da súa administración. Está composo por representantes de entidades e por personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega. Réxese pola lei citada e mais polo seu Regulamento, aprobado pola Xunta de Galicia (Decreto 162/2008, do 10 de xullo).

Os seus órganos de goberno son o Pleno e a Comisión Executiva. O Pleno está formado por 26 conselleiros -1 nato, 15 representativos de institucións ou entidades e 10 elixidos polo Pleno entre persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural. É membro nato o titular da Consellería de Cultura e Presidente de Honra o Presidente da Xunta. As institucións representadas no Pleno son: as tres universidades galegas, Real Academia Galega, Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, Real Academia Galega de Ciencias, Real Academia Galega de Belas Artes, Instituto da Lingua Galega, Instituto de Estudios Xacobeos, os Museos de Galicia e as Fundacións Barrié de la Maza, Penzol e Rosalía de Castro. A Comisión Executiva, que preside Ramón Villares, está integrada polos vicepresidentes Francisco Díaz Fierros e Xosé López, e o secretario, Henrique Monteagudo. O xerente é Marcelino Fernández Santiago.

As actividades do CCG materialízanse a través das Seccións, os Arquivos e, eventualmente, as Comisións Técnicas. As Seccións son seis: Creación e artes visuais contemporáneas; Ciencia, natureza e sociedade; Lingua, literatura e Comunicación; Pensamento e sociedade; Música e artes escénicas e Patrimonio e bens culturais.
Os Arquivos son catro: Comunicación, Emigración, Arquivo Sonoro de Galicia e Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Actualmente conta o CCG con cinco comisións permanentes dependentes da Comisión Executiva: Comisión de igualdade, Comisión técnica de comunicación e internet, Comisión Técnica de publicaciós e bibliotecas e Comisión de Estudios Locais.

Ao longo destes 25 anos o CCG foi presidido por Ramón Piñeiro (1983-1990),  Xosé Filgueira Valverde (1990-1996), Carlos Casares (1996-2002) e Alfonso Zulueta de Haz (2002-2006). Desde o 4 de maio de 2006 o Presidente é Ramón Villares.