----

Rafael Argullol reivindicou a "paideia" grega e as múltiples lecturas da existencia fronte ao "totalitarismo da actualidade"

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2009.- “Un coñecemento compartido e á vez suxeito a un permanente proceso de cuestionamento e contraste, achéganos a unha comprensión dinámica do que pode ser a cultura”. Rafael Argullol, director do Instituto Universitario de Cultura e catedrático de Estética e Teoría das Artes na Universidade “Pompeu Fabra”, de Barcelona”, reivindicou a "paideia" grega e o papel do Educador fronte ao Comunicador. Argullol interviu no seminario “O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s)”, organizado polo Consello da Cultura Galega e coordinado por Ramón Maiz.


<!--more-->

Rafael Argullol, que titulou o seu relatorio “Imaxe, palabra, saber. O Educador contra o Comunicador”, considerou a Cultura como “o escenario potencial onde se encontran as distintas tentativas de coñecerse dunha comunidade” e apuntou unha cuádruple perspectiva para encarar neste tempo o ideal paidéico: unha cultura da propia responsabilidade, unha cultura da co-responsabilidade no mundo, unha cultura da liberdade e unha cultura da tolerancia. Quere dicir unha dimensión de complexidade.

O problema é que o cotián ofrécenos “unha lectura restrinxida da existencia, co agravante de que nos é presentada, e nos tendemos a aceptala, como a única lectura posible”. Entra aí o Comunicador, figura hexemónica neste tempo, concepto que vai máis aló da abrumadora influencia dos medios de comunicación. “Cando obedecemos as leis que reducen a realidade á representación do actual nós mesmos formamos parte do Comunicador. Somos o Comunicador”. Nese punto Rafael Argullol enfronta a idea do saber co que chama “totalitarismo da actualidade”, a unidimnesionalidade da mirada, e chama a atención sobre o feito de que “a actualidade ocupa o enteiro horizonte do que consideramos real empobrecendo a visión que temos de nós mesmos. Contra esta usurpación deberiamos forxar un ideal paidéico que implicara outra lectura da existencia, empezando pola constatación de que non hai unha única senón múltiples lecturas posibles”.

Para o conferenciante resulta supérfluo opoñer a cultura da palabra  e a cultura da imaxe porque o auténtico protagonismo ven sinalado en termos de lectura da existencia. Deste xeito, “fronte á invitaciòn á trivialidade e á amnesia que supón a hexemonía do Comunicador, o Educador -é dicir, a cultura na única acepciòn potente da expresión- debería ser unha invitación á búsqueda e á interrogación. Tamén ao desexo: de liberdade, de plenitude, de armonía”.

Argullol considera que o ideal paidéico que puidéramos reivindicar para o noso presente debería absorber a forza evocadora e creadora tanto da imaxe como da palabra porque evocación e creación van xuntas cando se trata de ler a existencia en profundidade. A cultrura no nestá contra a actualidade; está maís alá da actualidade e máis alá da orde existente das cousas. Daquela, “un mundo dirixido polo Comunicador é un mundo no que os homes son conminados a vivir de prestado, integrados nun simulacro no que a responsabilidade é imposible e a liberdade, falsa. Ao Educador, á cultura, correspóndelle a función subversiva de demostrar que un mundo así vertebrado é, baixo todas as aparencias de orde que se queira, un mundo caótico dominado pola ignorancia”. Trátase, para Argullol, de que o home, apostando polo coñecemento, sempre subversivo, avance cara ao seu descobrimento e, polo tanto, cara á súa liberdade.