Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2009.- Os libros "Entremiradas I. Galicia-Bos Aires" e "Entremiradas II. Galicia-Cuba", da fotógrafa Maribel Longueira e con textos de 80 escritoras e escritores de Galicia, Arxentina e Cuba, foron presentados no Consello da Cultura Galega no curso dun acto que presidiu Ramón Villares,Presidente da institución, e no que leron os seus textos Ánxeles Penas, Estíbaliz Espinosa, Antón Lopo e Anxos Sumai.
<!--more-->
Os libros foron editados pola Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia e os escritores e escritoras elaboraron os textos a partir da fotografía que lles facilitou Maribel Longueira. Na relación figuran, entre outros, Salvador García Bodaño, Eva Veiga, Marga do Val, Margarita Ledo, Miguel Anxo Fernán Vello, Miguel Barnet, Nacy Morejón, Caridad Atencio, Mirta Yáñez, Silvio Rodríguez, Víctor Freixanes, Xulio López Valcárcel, Yolanda Castaño, Luz Pozo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Luís González Tosar, María do Cebreiro, María Rosa Lojo, Débora Campos, Rodolfo Alonso, Antonio Requeni ou Susana Torres.
Entremiradas I e II, fermosamente editados, levan senllos prólogos de Ramón Villares. "A emigración, como experiencia, non se estuda. Sábese e abonda. E por se non abondase, aquí están estes libros de olladas cruzadas e de imaxes ancoradas, para servir de recordatorio e de testemuña da grande epopea que foi a emigración galega contemporánea", afirma o Presidente do Consello da Cultura Galega.

