----

As xornadas "Recepcións de Heidegger en Galicia" lembraron ao filósofo italiano Franco Volpi, falecido recentemente

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2009.- A derradeira sesión das xornadas “Recepcións de Heidegger en Galicia” tivo un particular e emocionado recordo para o filósofo italiano Franco Volpi, morto en acidente de tráfico o pasado mes de abril. Félix Duque, catedrático da Universidade Autónoma de Madrid, leu un breve texto in memoriam do autor italiano, que fora convidado polo Consello da Cultura Galega a intervir nas sesións dedicadas a analizar as acollidas e a vixencia do autor de “Ser e tempo”.

<!--more-->

Franco Volpi, foi un dos máis notables estudiosos italianos da Filosofía alemana, e particularmente do legado de Martin Heidegger, e morreu de xeito tan tráxico como prematuro cando contaba 56 anos de idade. Félix Duque dedicoulle una sentida lembranza antes de reflexionar sobre “Heidegger e a Filosofía”, título que modificou polo enunciado “Heidegger contra a Filosofía no nome da Ética”. Era a referencia á “ética orixinaria”, que para o filósofo alemán (1889-1976) significa “saber habitar, residir no mundo”.
As xornadas deixaron claro o feito de que Heidegger segue a dar moito que falar, e non só aos estudiosos da filosofía. Juan Manuel Navarro Cordón, catedrático da Universidade Complutense de Madrid, constatou que non hai actualmente un pensador que, como él ofreza un lugar de encontro. Aludiu á lectura que da súa obra fixeron José Ortega y Gasset e, moi especialmente, María Zambrano.
Pola súa parte, Basilio Lourenço, profesor de Matemáticas e ensaísta, falou da recepción de Heidegger na Galicia democrática, a partir dos anos 60 do pasado século. A segunda recepción, logo da protagonizada pola xeración de Galaxia e o enlace que realizou posteriormente Andrés Torres Queiruga. Segunda recepción na que prestou atención, entre outros, a Felipe Martínez Marzou e Arturo Leyte, que figuran entre os grandes coñecedores da obra heideggariana, xunto con Ramón Rodríguez, que interviu onte, ou o mesmo Félix Duque.

As xornadas foron inauguradas o mércores por Francisco Díaz Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, xunto cos coordinadores: Carlos Fernández e Jorge Álvarez Yágüez. O vicepresidente salientou o feito da celebración destes encontros en homenaxe a Ramón Piñeiro, figura do Día das Letras Galegas-2009 e primeiro Presidente do Consello da Cultura Galega.