----

O Instituto da Lingua Galega celebra o seu 40 aniversario

O 14 de maio de 1971 nacía o Instituto da Lingua Galega no seo da Universidade de Santiago de Compostela. Co gallo do seu 40 aniversario, o ILG convida a todas as persoas interesadas e nomeadamente, aos axentes sociais que traballan a prol da normalización do galego, a participar no acto de celebración que terá lugar o vindeiro 20 de maio de 2011.

Ás 18.30 h o Reitor da USC descubrirá unha placa na fachada da sede do ILG dando conta de que no segundo andar da casa viviron Rosalía e Murguía nos anos 1863-1865. Posteriormente, ás 19:00 h, terá lugar no paraninfo da USC un acto académico, tamén presidido polo Reitor.

O ILG continuará a conmemorar esta efeméride ao longo do ano 2011 coa presentación de proxectos e estudos que se están a desenvolver nesta institución.