O Consello da Cultura mantén aberto a novas achegas o documento-síntese do Foro "Reflexión estratéxica sobre a cultura galega"
Yudhishthir Raj Isar, profesor de Política Cultural na Universidade Americana de París, centrou a súa intervención na atención ao que chamou cinco grupos de fenómenos xerais: O fenómeno mundial do "culturalismo" e algunhas das súas implicacións, a expansión planetaria da noción de "cultura" e a conseguinte refundición de dous modos de entendela, o impacto quer ten a globalización na vida cultural e os desafíos que presenta a recesión económica no futuro inmediato e a medio prazo.  "Para sobrevivir a esta crise, veu dicir, vai facer falta moito máis que pedir viño vello en vasillas novas (que é o que parece que están a facer os xigantes estadounidenses do automóbil e os bancos europeos): en vez diso, vai haber que mobilizar esa capacidade de creación e innovación que o sector cultural reivindica para si, pero que adoita defender con más palabras que feitos".
Salvador Giner, catedrático emérito de Socioloxía da Universidade de Barcelona, e presidente do  Institut d´Estudis Cataláns, falou sobre “As culturas minoritarias na globalización” e non deixou de chamar a atención acerca do que cualificou como "obsesión identitaria xenerada pola mundialización. Obsesión que se converteu nunha especie de problema existencial das culturas no inicio do século XXI". Unha preocupación que , explicou, está nos xestores, nos axentes culturais. Para o sociólogo haberá que intentar actuar con sentido práctica e intelixencia nun mundo caracterizado polo relativismo e pola ausencia dunha cultura hexemónica, "circunstnacia que nos sitúa nunha fase de perplexidade".
Os debates acompañaron estas intervencións e referíronse específicamente ao papel das políticas culturais na sociedade da inflormación e da comunicación, o papel dos poderes públicos, do terceiro sector e das industrias culturais no novo contexto e a identidade cultural e a proxección exterior da cultura galega. Debates e ideas que han ser incorporados, xunto con outras contribucións, ao documento-síntese nas próximas semanas.
O PROCESO CONTINÚA
Os catro Foros de “Reflexión Estratéxica sobre a Cultura Galega”: Políticas culturais, coordinado por Ramón Maiz;  Institucións culturais (Rosario Álvarez), Cultura e mercado (Francisco Campos) e Contidos da cultura (Victor F. Freixanes e Henrique Monteagudo), celebrados en xuño e xullo) supuxeron a segunda fase dun proceso aberto, plural e participativo, iniciado en xaneiro con propostas e consultas a diferentes representantes do sector cultural, convocados desde o CCG na procura de suxestións arredor de estratexias de futuro da cultura galega. O grupo de traballo, coordinado por Xosé López García e con Xaime Subiela como coordinador técnico, remitiu un cuestionario a varios centos de persoas representativas do sector cultural e da sociedade galega.
As respostas recibidas permitiron ordenar os materiais de traballo dos foros, que, á súa vez, facilitaron a elaboración do documento de síntese, que se abriu ao debate, a través dos soportes do CCG na Rede, no mes de setembro, e foi remitido tamén ás institucións públicas, culturais e sociais. O documento, base para o debate na sesión final, pode lerse en: http://consellodacultura.org/reflexion2010/