Santiago de Compostela, 22 de maio de 2009.- Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, pronunciará o sábado día 23, unha conferencia en Barcelona sobre o tema RAMÓN PIÑEIRO E A CULTURA GALEGA.
<!--more-->
A conferencia, que terá lugar ás 19 horas no Saló de Cent de l´Ajuntament de Barcelona, fechará o ciclo de actividades programadas pola Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya co gallo do Día das Letras Galegas.
Ramón Villares analizará a traxectoria do intelectual galeguista, primeiro Presidente do Consello da Cultura Galega e a quen a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas 2009. Reparará na súa influencia <em>socrática</em> sobre varias xeracións galegas e lembrará tamén o alcance da súa dimensión moral sobre a vida cultural e politica de Galicia no tardofranquismo e, nomeadamente, nos tempos de construción da autonomía.
O conferenciante será presentado por Xosé Carlos González García, profesor da Universidade Central de Barcelona.
A Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya, organismo independente que preside Luís Lamas, agrupa a 18 centros e asociacións culturais radicadas en Catalunya. Dispón do portal: <a href="http://www.fegalcat.org">http://www.fegalcat.org</a>

