----

O ILG presenta a versión en liña do seu Arquivo de Galego Oral

O Instituto da Lingua Galega (ILG) pon ao dispor da cidadanía o seu Arquivo de Galego Oral (AGO), un banco de textos orais, froito de varias décadas de traballo, co que se quere configurar o atlas da oralidade do idioma galego.

O AGO contén arredor de 2000 horas de gravacións, con voces duns 7000 informantes representativos da totalidade do territorio de fala galega, tanto no que respecta á Galicia administrativa como do que se coñece como “galego exterior”.

Actualmente están accesibles en liña 43 etnotextos agrupados tematicamente, selección que se irá completando progresivamente.