Santiago de Compostela, 19 de maio de 2009.- O Plenario do Consello da Cultura Galega aprobou esta tarde a proposta de actividades para o Xacobeo 2010, logo da petición formulada polo Presidente da Xunta, e Presidente de Honra do Consello, Alberto Núñez Feijóo, ao Presidente do CCG, Ramón Villares, e á Comisión Executiva da institución. As grandes liñas da proposta apuntan a unha intervención planificada sobre os Camiños e a actividades de promoción, como unha gran exposición de ámbito europeo para difundir Galicia a través do Xacobeo e unha oferta de arte actual centrada en Compostela e noutros puntos da xeografía galega.
<!--more-->
O informe recomenda accións específicas pensadas para intercalar no treito que separará o 2010 do seguinte Ano Xubilar (2021). Nesta sesión incorporouse ao Plenario, como membro nato, o titular da Consellería de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña.
TRES GRANDES LIÑAS
A proposta, que será entregada ao Presidente da Xunta de Galicia, foi elaborada pola Comisión Executiva e por distintas Seccións do Consello e atende a tres focos que considera de especial interese:
---Unha exposición de grande impacto, de ámbito europeo, que permita difundir Galicia, a través do fenómeno Xacobeo, en lugares importantes da culura europea, así como na cidade de Santiago de Compostela. Esta exposición centrarase no tempo e na figura de Diego Gelmírez.
---Unha atención especial ao que son os Camiños que chegan a Santiago de Compostela, mediante unha intervención planificada sobre os mesmos, que favorece unha acción descentralizada e, ao tempo, permite proxectar unha visión de Galicia no seu conxunto a través da rede de camiños que converxen en Compostela.
---Unha oferta de arte actual, centrada en Compostela e en puntos significativos da xeografía galega, que permita completar o feito xacobeo cunha mirada concibida desde as tendencias artísticas do presente.
ESTRATEXIAS COMPLEMENTARIAS
Xunto con estas liñas xerais, a proposta suxire o desenvolvemento de estratexias complementarias “para unha axeitada planificación das actividades do 2010 e para a súa mellor difusión”. Niste senso propón:
---Desenvolver liñas de promoción de actividades a celebrar por diversas institucións (congresos científicos, exposicións, concertos, etc.) para incorporar a sociedade civil á dinámica do Xacobeo.
---Procurar a consolidación de novos públicos que, procedentes de países nos que o fenómeno xacobeo acadou unha importante presenza, poidan incorporarse de forma plena á tradición das peregrinacións xacobeas (Brasil Estados Unidos, países da Europa oriental e báltica, etc.).
Recoméndase tamén a creación dun centro de coordinación dos moitos estudosos que, fóra de Galicia, se dedican ao tema xacobeo e ao Camiño de Santiago.

