Santiago de Compostela, 18 de maio de 2009.- O Consello da Cultura Galega e o Centro P.E.N. de Galicia coeditarán unha antoloxía bilingüe dos poemas e as prosas de Jose González Carbalho (1899-1958), importante e esquencido escritor arxentino fillo de emigrantes galegos, que falaba de Galicia como “mi patria anterior”. Da súa obra falou esta tarde no CCG Antonio Requeni, xornalista, escritor e membro da Academia Argentina de Letras, que foi presentado polo poeta e presidente do PEN de Galicia, Luís González Tosar.
<!--more-->
A antoloxía incluirá unha biobibliografía, escrita por Antonio Requeni, unha escolla dos seus poemas, artigos que publicou logo da súa única viaxe a Galicia en 1955, un discurso sobre o idioma galego e testemuñas de diferentes escritores. Irá ilustrada con fotografías.
Antonio Requeni titulou a súa conferencia “González Carbalho, destacado poeta arxentino de estirpe galega” e confesouse discípulo deste escritor autodidacta, fillo de emigrantes galegos de A Ramallosa (Pontevedra), devoto admirador de Rosalía de Castro e que foi tamén xornalista, crítico literario, autor teatral e profesor de literatura.
José González Carbalho naceu en Bos Aires, quedou orfo de nai aos dous anos e tivo unha saúde precaria. Na súa obra os temas de referencia son a soedade, o amor, a perplexidade ante o fluir do tempo e os recordos da infancia.
Foi admirador de Garcilaso de la Vega, Rubén Darío e Juan Ramón Jiménez e tivo gran amizade con Pablo Neruda, Federico García Lorca e Rafael Alberti e unha intensa relación coa colectividade galega (Rodolfo Prada, Luís Seoane, Arturo Cuadrado ou Lorenzo Varela). Publicou en Chile o primeiro libro sobre Lorca, logo do fusilamento do poeta.
Entre as súas obras cómpre citar: “Tiempo de amor perdido”, “Solo en el tiempo”, “Libro de canciones para Rosalía de Castro” ou “El río que no vuelve”.
DISCÍPULO DE GONZÁLEZ CARBALHO
Antonio Requeni (Bos Aires, 1930) levou a cabo unha importante actividade como xornalista no diario “La Prensa” desde 1958 ata 1994, en que se xubilou como secretario de redacción. Colaborou tamén noutros medios e dirixiu a revista “Italpress”. É crítico bibliográfico do diario “La Nación”.
Como escritor publicou dez libros de poemas, un libro de cotnos para nenos, un volume de crónicas de viaxe e o “Cronicón de las peñas de Buenos Aires”, que mereceu o I Premio Municipal de Ensaio. Foi distinguuido asemade co I Premio Municipal de Poesía polo seu libro “Línea de sombra”.
É membro de número da Academia Argentina de Letras e coordina a comisión de publicacións na Academia Nacional de Periodismo.

