Santiago de Compostela, 13 de maio de 2009.- O Consello da Cultura Galega dixitalizará o voluminoso epistolario, unhas sete mil cartas, de Ramón Piñeiro, depositado na Fundación Penzol, en Vigo. O anuncio fíxose hoxe durante a presentación do cartafol e CD "Ramón Otero Pedrayo, mestre da cultura galega", editado polo CCG en homenaxe a quen foi o seu primeiro Presidente e a quen este ano a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas. O acto, presidido por Ramón Villares, Presidente da institución, contou tamén coas intervencións de Julio Souto, Presidente da Fundación Penzol e membro do Plenario do CCG, e de Julián Parga, en representación da familia de Ramón Piñeiro.
<!--more-->
Ramón Villares destacou a importancia do epistolario de Ramón Piñeiro, "un corpus documental notable, o máis grande de Galicia xunto co de Luís Seoane", e a necesidade de dixitalizalo para o seu estudio e xeral coñecemento "porque somos grandes se temos memoria de nós". Pola súa parte, Julio Souto salientou a importancia do convenio que asinará próximamente o Consello da Cultura e a Fundación Penzol para levar a cabo ese traballo que ha permitir un mellor coñecemento do legado de Piñeiro e das circunstancias históricas en que foi realizado.
PIÑEIRO ESCRIBE SOBRE OTERO PEDRAYO
O Presidente do CCG subliñou, por outra parte, a significación do cartafol e do CD editados pola institución, dacordo coa tradición establecida hai anos para honrar a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Neste caso o cartafol permite coñecer sete artigos e ensaios de Ramón Piñeiro sobre diferentes facetas da obra de Otero Pedrayo: lembranzas persoais, consideracións sobre a Xeneración Nós, a oratoria, a significación oteriana na cultura galega ou a súa especial relación con Santiago de Compostela. "Os textos falan tamén da relación moi próxima que tiveron ambos os dous ao longo do tempo", dixo Villares.
A publicación, que reproduce os retratos que Carlos Maside fixo de Piñeiro e Otero Pedrayo, e doce fotografías, incorpora tamén un CD coa gravación da conferencia "Otero Pedrayo na cultura galega", pronunciada por Ramón Piñeiro en Ourense en 1976, ano do pasamento do Patriarca das Letras Galegas.
No nome da familia de Piñeiro, Julián Parga agradeceu as iniciativas do Consello da Cultura para honrar a memoria do seu primeiro Presidente, do que salientou a xenerosidade, que os seus herdeiros tiveron en consideración á hora de depositar o seu legado na Fundación Penzol.
Ramón Villares lembrou que a publicación presentada é só unha pequena parte das actividades que a institución dedicará a Ramón Piñeiro durante este ano. Mencionou as xornadas "Recepcións de Heidegger en Galicia" a celebvrar no CCG os días 3 e 4 de xuño e a participación activa da institución no congreso que sobre a figura e a obra de Ramón Piñeiro se celebvrará no último trimestre deste ano.

