----

O Consello traduce ao galego "As dúas culturas", de C. P. Snow, e abre un ciclo de debates para tender pontes entre científicos e humanistas

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2009.- Cincuenta anos despois da publicación da conferencia "As dúas culturas", pronunciada por C. P. Snow na Universidade de Cambridge, mantéñense as distancias entre as culturas humanista e científica. Así o expresou o profesor José M. Sánchez Ron, catedrático de Historia da Ciencia na Universidade Autónoma de Madrid e membro da Real Academia Española, durante o acto de presentación do libro que permite coñecer este texto en galego. Unha publicación que serviu para presentar o novo deseño editorial do Consello da Cultura Galega, como explicou o Presidente, Ramón Villares.


<!--more-->

Na presentación de "As dúas culturas",o texto da conferencia na que, en 1959 Charles Percy Snow chamou a atención sobre a falta de comunicación entre as culturas humanística e científica, José M. Sánchez Ron referiuse á fenda que hoxe segue a separar as dúas culturas na sociedade, na educación, nos medios de comunicación e, xa que logo, nas esferas do poder. "Teño que contemplar esa fenda con ironía para non desconcertarme", afirmou logo de insistir na necesidade salvar esa distancia, particularmente, nas etapas do ensino primario e secundario.

José M. Sánchez Ron pronunciou logo unha conferencia  sobre "A interdisciplinariedade á luz da Historia da Ciencia: algúns exemplos tomados da Física, a Matemática, a Medicina e as Ciencias da Terra", dentro do seminario interdisciplinar "Os sentidos das culturas", organizado polo Consello da Cultura Galega.

Na presentación da versión galega de "As dúas culturas" o vicepresidente do CCG, Francisco Díaz Fierros,lembrou a actitude aberta da institución que contemplou desde a súa creación a necesidade de prestar atención ás dúas culturas, nun horizonte de colaboración e diálogo que botou a faltar noutros ámbitos. "Hoxe segue vivo o problema denunciado por Snow", dixo Díaz Fierros, coordinador da edición xunto con Xurxo Mariño, é responsable da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade.

 
Pola súa parte, o profesor Darío Villanueva, salientou tamén o que chamou "mergullamento creativo entre as dúas culturas como referencia do traballo do Consello da Cultura Galega" e aludiu asemade á importancia de que estes criterios impregnen as primeiras etapas dos procesos educativos. "Tratase de procurar a aproximación a un territorio común para poder interpretar desde as dúas culturas os fenómenos complexos que nos rodean", afirmou.

CICLO "¿DÚAS CUILTURAS EN COLISIÓN"?

O Presidente do CCG, Ramón Villares,amosouse algo máis optimista e, aínda que aludiu a distancia entre as dúas culturas, non deixou de citar o interese, desde os dous ámbitos polas consecuencias do descobremento do xenoma humano, as aplicacións da física nuclear ou as portas abertas pola enxeñería xenética. Con ese obxectivo O Consello da Cultura Galega programou o ciclo sobre "Ciencia e Humanidades: dúas culturas en colisión?" que se iniciou coa presentación da versiòn galega de "As dúas culturas" e proseguiu pola tarde coa conferencia de José Manuel Sánchez Ron. O catedrático da Universidade Autónoma de Madrid falou sobre "A interdisciplinariedade á luz da Historia da Ciencia: algúns exemplos tomados da Física, a Matemática, a Medicina e as Ciencias da Terra", dentro do seminario interdisciplinar "Os sentidos das culturas", organizado polo CCG e coordinado por Ramón Máiz.

Este ciclo continuará o 4 de novembro cunha mesa redonda que reunirá a biólogos e a escritores na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, e o 25 dese mesmo mes coa xornada sobre "Ciencia, cultura e sociedade na materia "Ciencias para o mundo contemporáneo" a celebrar en Vigo. O obxectivo é fomentar a reflexión e o debate sobre "as dúas culturas" na comunidade universitaria e na sociedade actual.

NOVA IMAXE DAS PUBLICACIÓNS DO CCG

Polo demais, Ramón Villares, aproveitou a presentación da traducción ao galego de "As dúas culturas", feita por Eva Almazán, para chamar a atención sobre o feito de que a publicación inaugura a nova imaxe dos libros editados pola institución. Neste caso, a colección ""Autores e textos". Máis adiante, entre outras, a colección "ensaios e estudos". Trátase dunha renovación acometida ao abeiro das actividades programadas co gallo dos primeiros 25 anos do CCG e dun deseño materializado por Xosé Díaz (Imago mundi).