----

Simón Marchán iniciou as xornadas "Arte +espazo público" cunha disertación sobre os referentes e o simbolismo do monumento

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2009.- “O monumento tensa os vínculos entre a historia e a memoria”, dixo Simón Marchán na primeira sesión das xornadas de reflexión e debate “ARTE+ESPAZO PÚBLICO” no Consello da Cultura Galega. O catedrático de Estética e Teoría das Artes na UNED-Madrid e académico de número da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando falou sobre “O monumento: Evanescencia dos referentes e fraxilidade simbólica”. As xornadas, organizadas pola Sección de “Creación e Artes Visuais Contemporáneas”, que coordina  María Luísa Sobrino, prolongaranse ata decembro e permitirán elaborar e publicar un informe sobre a situación da arte nos espazos públicos, con especial atencióna Galicia. No 2000, o Consello da Cultura Galega publicou o informe “A arte nos espazos públicos”.


<!--more-->

O conferenciante lembrou que, como sucede cos mitos, lendas e crenzas, o monumento pode ser adscrito, por analoxía, á memoria colectiva ou, máis ben, á memoria compartida e ás identidades colectivas e remarcou que “se os valores rememorativos poden ser operativos en calquera ámbito patrimonial, resaltan aínda máis nos monumentos”.
Anotou tamén Simón Marchán as diferencias entre os monumentos intencionados e os non intencionados. “Os intencionados miran desde o presente ao pasado, pois foron ideados na súa orixe para conmemorar unha acción vencellada á celebración dalgún acontecemento ou personaxe, no caso dos Memoriais, emparentada coa morte e a desaparición. Erixidos desde a lóxica do poder, suscitan numerosos conflictos cando se provocan caídas de reximes políticos fortes (dictaduras de todas as cores) oumesmo nas sociedades democrátricas, pois se é plausible estar dacordo con rememorar algo, non o é tanto sintonizar coas representacións asociadas ao que se rememora”.
O profesor Simón Marchán ilustrou a súa disertación coa proxección de bloques de imaxes que subliñaron a argumentación e propiciaron o debate posterior.

PROGRAMA

As xornadas “Arte+espazo público” prolongaranse durante todo este ano, co seguinte calendario e sempre a partir das 17 horas.
13 maio. “Programar a cidade”. Sophie Hope, coordinadora do Proxecto B+B (Londres).
30 xuño. “Planificar a cidade”. Francesc Muñoz, profesor de Xeografía Urbana da Universidade Autónoma de Barcelona e director do Observatorio da Urbanización.
24 setembro. “Activar a cidade”. Nelson Brissac, filósofo e organizador do proxecto Arte/Cidade (Sao Paulo-Brasil).
21 outubro. “Sinalizar a cidade”. Rogelio López Cuenca, artista visual.
Novembro. “Idear a cidade”. François Schuiten, debuxante de banda deseñada.
17 decembro. Xornada de debate sobre “Arte+espazo público en Galicia”.
Para asistir é necesario inscribirse a través de: <a href="http://www.consellodacultura.org/">www.consellodacultura.org</a> e o enlace “Arte+espazo público”.