----

Nós tamén creamos!, programa para estimular o uso da lingua e a creatividade dos máis pequenos/as

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia e con OQOeditora, presentan o programa Nós tamén creamos!, dirixido a centros públicos de educación infantil e primaria.

O obxectivo do programa é favorecer o uso e aprendizaxe do galego en novos ámbitos, nomeadamente no do lecer. Para isto, convócase un premio a curtas de animación elaboradas coa técnica stop motion.

Outorgaranse tres premios, segundo o ciclo educativo, e os centros premiados recibirán un lote de libros de OQOeditora e mais unha pantalla de plasma TFT de alta definición de 26″. As curtametraxes gañadoras serán difundidas en diferentes programas da TVG.