----

O Consello da Cultura Galega expresa o seu pesar polo falecemento do destacado galeguista Xaime Isla Couto

O Presidente e a Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega (CCG) expresaron hoxe o seu pesar polo falecemento do avogado, economista, ensaísta e académico da Galega, Xaime Isla Couto (Santiago de Compostela, 1915) “figura sobranceira e dinamizadora do galeguismo político e cultural”.
O CCG subliñou “o inequívoco compromiso galeguista de Xaime Isla Couto, desde a súa actividade nas Mocidades Galeguistas, no Seminario de Estudos Galegos ou no Partido Galeguista, ata a súa decisiva participación na fundación da Editorial Galaxia, da que era Presidente de Honra, ou o seu labor como director da “Revista de Economía de Galicia”.
O CCG salientou asemade a contribución de Xaime Isla Couto, activo e brillante conferenciante, á normalización do idioma galego nos ámbitos económicos e tamén na igrexa, nomeadamente a través da Editorial SEPT e a súa tradución da Biblia ao galego.