Recordou Villares, un dos cinco oradores na sesión extraordinaria e pública celebrada pola Real Academia Galega na sede da Fundación Barrié en Vigo, salientou que o autor de Galicia como tarea “nunca deixou de pensar e de elaborar propostas a favor dunha concepción da política que tivese por norte a sociedade galega e o seu benestar e que se rexese por principios como a democracia, o autonomismo e as virtudes cívicas do republicanismo”. Principios que defendeu en Vigo no mitin do Día de Galicia de 1930 xunto a Otero Pedrayo e Castelao. Principios que lembraría na súa intervención, tamén en Vigo, ao remate da gran manifestación, “unha nova alborada cívica”, do 4 de nadal de 1977 en defensa da autonomía.
Uns anos antes, o intelectual e home de acción, “un dos que mellor entendeu e conectou co exilio”, tivera unha persoal e importante participación na Junta Democrática, fundada en París en 1974, e como membro da chamada “Comisión dos Dez”, “o que lle permitiu desenvolver un papel esencial nas negociacións politicas que o goberno de Adolfo Suárez abriu con representantes da oposición.
Alí, en palabras de Jordi Pujol, “ocupou a cadeira de Galicia e cubriu o vacío coa súa categoría persoal e a súa autoridade moral”. Desde esa “autoridade” e actuando a título persoal, subliñou Ramón Villares, “non por iso foi menos decisiva a súa achega para a conquista da democracia e, nomeadamente, para a colocación do feito diferencial galego na axenda política da transición”.
O historiador evocou a Valentín Paz Andrade como “un home culto e pragmático, comprometido coa súa Terra, positivo e nada pasadista. Un home en combate permanente contra as interpretacións caducas de Galicia, contra o pesimismo e contra o atraso”. “A súa aposta era a favor dunha Galicia que debía aproveitar mellor os seus recursos naturais, que debía industrializarse e que, como proxecto colectivo, debía ser construída día a día”. Velaí a tarea.
“Fronte ao pasado como argumento para o porvir, a posición de Valentín Paz Andrade, ao longo da súa fecunda e intensa biografía, foi construir un futuro con pasado”, concluiu Ramón Villares.
A sesión celebrada en Vigo ás 12 horas do 17 de maio contou coa presentza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a familia Paz Andrade encabezada por Pilar Rodríguez Prada, viúva de Valentín Paz Andrade, e o seu fillo Alfonso Paz Andrade.


