----

O CCG dá a coñecer documentos sonoros coa voz de Ramón Piñeiro, a quen este ano se dedica o "Día das Letras Galegas"

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2009.- Dez documentos sonoros con fragmentos de entrevistas, reflexións, programas radiofónicos e intervencións parlamentarias protagonizadas por Ramón Piñeiro poden ser reproducidas e descargadas desde <a href="http://www.consellodacultura.org/">www.consellodacultura.org</a>, o web institucional do Consello da Cultura Galega. O acceso “Ramón Piñeiro: unha voz na colección do ASG-Arquivo Sonoro de Galicia” permite recuperar a voz de quen fora o primeiro Presidente desta institución (1983-1990) e a quen a Real Academia Galega dedica este ano o “Día das Letras Galegas”.


<!--more-->
Os documentos sonoros coz voz de Ramón Piñeiro, que se conservan, entre outros, no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, e que agora se ponen a disposición do público son:
Tertulia sobre as Fundacións (Radio Nacional de España), doado por Avelino Pusa Antelo.
Da terra e dos tempos. Emisión cultural en galego (Radio Nacional de España), doado pola Asociación Cultural “O Facho”.
Reflexións sobre o galeguismo. Tres conferencias. Doadas polo Liceo Recreo Ourensán e dúas polo semanario “A Nosa Terra”.
O Espello: Trinta anos de Galaxia. (Radio Popular de Ferrol). Doado polo Patronato de Cultura Galega de Montevideo.
Debate da Lei de Normalización Lingüística. Doazón do Parlamento de Galicia.
A intervención de Ramón Piñeiro na clausura do Encontro sobre culturas minoritarias europeas, celebrado en Compostela en 1987. E dúas entrevistas doadas por Antón Mascato.

O Arquivo Sonoro de Galicia pon ao dispor do público, para o seu uso libre en calquera medio e/ou soporte, estes documentos sonoros que poden ser reproducidos sen permiso previo, sempre que se acredite a súa procedencia “Arquivo Sonoro de Galicia-Consello da Cultura Galega”, se faga deles un uso non comercial deles e se distribúan de acordo coa licenza: Creative Commons 3.0.
Ramón Piñeiro (Láncara-Lugo, 1915-Santiago de Compostela, 1990) foi unha figura relevante do galeguismo nas súas dimensións política (membro do Partido Galeguista) e cultural (fundador e primeiro director da Editorial Galaxia e da revista Grial). Referente indiscutible da expresión galega e galeguista durante o Franquismo, foi un persoeiro clave para comprender a incardinación do galeguismo no artellamento institucional da Autonomía, tarefas que desenvolveu como deputado do Parlamento de Galicia e como Presidente do Consello da Cultura Galega (1983-1990).