<img src="http://consellodacultura.org/files/2009/03/executiva_feijoo.jpg" />
<em>Alberto Núñez Feijoo reunido coa Comisión Executiva do CCG. Foto: CCG</em>
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2009.- O gañador das eleccións autonómicas e futuro Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe públicamente “respecto e admiración” polo traballo desenvolvido no Consello da Cultura Galega e animou á institución a seguir esa tarefa “para preservar a Cultura de Galicia e os seus sinais de identidade no mundo globalizado”. Así o explicitou diante dos xornalistas logo de se reunir, a petición propia, durante mais dunha hora coa Comisión Executiva do CCG encabezada polo Presidente Ramón Villares. O futuro Presidente da Xunta de Galicia encargou ao CCG, órgano asesor e consultivo dos poderes públicos, un informe sobre as actividades a realizar con motivo do Xacobeo-2010.
<!--more-->
A reunión, solicitada por Alberto Núñez Feijóo, celebrouse no despacho do Presidente, Ramón Villares, acompañado polos membros da Comisión Executiva, Francisco Díaz Fierros e Xosé López García, vicepresidentes, e Henrique Monteagudo, secretario. Asistiu tamén o xerente, Marcelino Fernández Santiago.
Durante mais dunha hora o líder dfo PP de G, gañador das eleccións autonómicas e futuro Presidente da Xunta de Galicia recibiu información sobre a composición, competencias e traballos do CCG, órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización, con autonomía orgánica e funcional e independente respecto dos poderes da comunidade autónoma e da súa Administración. Na xuntanza abordáronse diferentes asuntos e falouse tamén, e amplamente, da situación do idioma galego, de xeito especial no ensino.
Rematada a sesión, cualificada como “moi cordial”, Alberto Núñez Feijóo improvisou unha conferencia de prensa na Biblioteca do CCG diante dun numeroso grupo de xornalistas. Expresou entón os seus parabéns ao traballo desenvolvido polo CCG, que ven de celebrar os seus primeiros 25 anos (1983-2008), e contestou diferentes preguntas dos informadores. Dixo que a Cultura terá un papel importante no seu goberno e, en materia lingüística, abogou por sumar o reto do coñecemento do inglés aos do galego e o castelán. Non entrou noutros detalles e limitouse a expresar o desexo de “elevar a categoría política o que se fai na rúa”, aludindo á convivencia dos idiomas galego e castelán.

