----

Ramón Villares destaca a atención prestada polo CCG á divulgación da cultura científica e a colaboración da Dirección Xeral de I+D+i

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2009.- O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, destacou hoxe a atención prestada pola institución á divulgación da cultura científica, como dimensión imprescindible da cultura humanística. No desenvolvemento desa tarefa agradeceu a colaboración da Consellería de Innovación e Industria e, particularmente, do Director Xeral de I+D+i, Salustiano Mato. Ambos dous interviron brevemente no curso da Xornada Técnica "Ferramentas para a divulgación científica en Galicia", organizada pola Dirección Xeral de I+D+i e celebrada esta mañá no salón de actos do CCG coa asistencia de noventa investigadores e estudiosos.


<!--more-->

O Presidente do Consello da Cultura Galega mencionou o traballo desenvolvido desde a Sección de Ciencia, Natureza e sociedade, que coordina Francisco Díaz-Fierros Viqueira, vicepresidente da institución, e iniciativas como o Álbum da Ciencia, ofrecidas a través do portal cultural <a href="http://www.culturagalega.org/">www.culturagalega.org</a>. Falou tamén dos traballos realizados por Xurxo Mariño, publicadas nese soporte e posteriormente en forma de libro e subliñou a importancia da consideración das dúas culturas como expresión e proxección da Cultura.

Pola súa parte, Salustiano Mato chamou a atención sobre a necesidade dun sistema de ciencia e I+D+i avanzado como ferramenta fundamental para o desenvolvemento socioeconómico. Aludiu asemade á importancia  da divulgación científica para sermos conscientes da dimensión do traballo de investigadores, centros tecnolóxicos e empresas e da súa incidencia na vida cotiá.

A sesión serviu para presentar diferentes materiais para as actividades divulgadoras e contou coas intervencións de: Silvia López, José Manuel Fernández, Fernando Mateos, Xurxo Mariño e Manuel Vicente.