Santiago de Compostela, 12 de febreiro, de 2009.- A primeira sesión dos XI Encontros para a Normalización Lingüística fixo balance da política lingüística desenvolvida nos últimos catro anos desde a Xunta. Salientou a transversalidade das accións, a posta en marcha das galescolas e o decreto sobre uso do galego no ensino e reclamou a revisión e mellora do diálogo político, social e institucional e a creación dun Consorcio para a Normalización Lingüística. Os Encontros, aos que asisten mais de cen expertos e técnicos dos servizos de normalización, foron inaugurados por Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, e Henrique Monteagudo, secretario da institución e director do Centro de Documentación Sciolingüística de Galicia, encargado da organización das xornadas. Non acudiu ningún representante da Secretaría Xeral de Polìtica Lingüística.
<!--more-->
O balance, presentado por Nel Vidal Barral, da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, propón a creación dun Consorcio para Planificación Lingüística, xa suxerido hai dez anos neste foro, coa finalidade de integrar os esforzos das distintas administracións e subliña a necesidade de adicar un 0´3 por cento do presuposto da Xunta a este cometido. Para os autores precísanse: mais planificación, mais recursos e mais participación.
O estudo documenta o descenso constante da partida orzamentaria desde o ano 2005, de xeito que se nese ano o orzamento supoñía un 0´22 por cento do presuposto xeral da Xunta, en 2009 a porcentaxe baixou ao 0´17. E se no 2009 o presuposto da xunta se incrementou no 1´7 por cento, o presuposto para Política Lingüística diminuiu un 8´9 por cento.
Polo que se refire a outras propostas para a vindeira lexislatura o informe suxire asemade:
-Unha política lingüística planificada con obxectivos claros desde o conxunto do Goberno.
-Mais recursos. Ata un 0´3 por cento do presuposto xeral da Xunta e unha utilización mais eficaz.
-Unha estrutura axeitada para a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O informe salienta como positivo o feito da transformación da anterior Dirección Xeral en Secretaría Xeral, dependente da Presidencia da Xunta.
CONSORCIO
Na sesión da mañá, logo do primeiro relatorio, tivo lugar unha mesa de traballo que analizou a necesidade do Consorcio para a Planificación Lingüística. Contou coas intervencións de Lois Pérez Castrillo, xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; Pilar López Martínez, do Consorci per a la Normalització Lingüística de Catalunya e Valentín García Gómez, da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Este último falou do Consorcio como “organismo encargado de deseñar e executar programas de normalización dirixidos a todo o territorio galego e con capacidade para ofrecer servizos ben dimensionados a entidades comarcais, concellos, empresas e entidades sociais”.
Na sesión da tarde analizáronse as posibilidades de cooperación nas políticas lingüísticas da Administración local. Interviron: Carlos Antonio Fernández Castro, da Federaciòn Galega de Municipios e Provincias, e Xoán Manuel Sande Muñiz, da Deputación da Coruña.
A sesión finalizou co relatorio de Alba Nogueira, profesora da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago, que detallou as novidades en lexislación lingüística: Lei da funciÓn pública, lei de subvencións de Galicia, proxecto de lei de comercio e decreto de uso do galego no ensino.
VENRES, 13
A sesión do venres ocuparase das atencións a emigrantes e inmigrantes.
Ás 10´30 horas, Xabier Mendiguren falará das “Canles de participación social nas políticas lingüísticas institucionais.
Ás 12´30 horas chegará o turno da mesa de traballo sobre “Socialización en lingua galega nos centros de emigrados no exterior”. Falarán: Manuel Suárez Suárez, Manuel Blanco Desar e Esther Olveira.
Ás 16´30 horas, Diana Priegue Caamaño e e Jorge Javier Burgos Rivas falarán de “Inmigración e adquisición da lingua en Galicia”.
Antes da clausura, prevista para as 19´30 horas, está programada a actividade lúdica “Contos que non falten”, a cargo de Carlos Fernández Sanmartín.

