----

Os roteiros dedicados a Rosalía, Curros e Pondal son un primeiro paso para "o etiquetado e o acceso multimedia á cultura e ao patrimonio de Galicia"

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2009.- Os “Roteiros da cultura galega” son desde hoxe o inicio dunha nova contribución do Consello da Cultura Galega á difusión do noso patrimonio cultural na rede a través do portal culturagalega.org (<a href="http://www.culturagalega.org/roteiros">http://www.culturagalega.org/roteiros</a>). Dedicados ás tres figuras do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, suponen un primeiro paso para “o etiquetado cultural de Galicia e unha especial posta en valor do noso patrimonio co seu acceso multimedia”. A iniciativa é o resultado dun protocolo de colaboración asinado o pasado mes de maio entre o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Innovación e Industria e contou coa colaboraciòn de dúas empresas e das fundacións que custodian a memoria e a obra dos nosos escritores aurorais. O Presidente do CCG, Ramón Villares, e a Directora xeral de promoción industrial e da sociedade da información, Elena Veiguela, salientaron a importancia desta contribución.


<!--more-->

Elena Veiguela contextualizou o traballo de creación desta plataforma web de roteiros culturais no esquema xeral da Consellería de Innovación e subliñou o interese da “creación dun complexo xestor de contidos culturais multimedia e xeo-referenciais”. Aludiu tamén ao código novo creado para os roteiros e á súa disponibilidade como software libre e ao carácter aberto do proxecto.

Ramón Villares significou que esta contribución era “un paso mais na xa coñecida iniciativa do CCG de combinar cultura letrada e novas tecnoloxías da información e da comunicación, nomeadamente a través do portal culturagalega.org”. Engadiu que este era o primeiro paso dun longo percorrido que mais adiante prestará atención aos roteiros da Xeneración Nós ou de Álvaro Cunqueiro.

Manuel Gago, director do portal, explicou sobre a pantalla as características e os elementos integrantes dos roteiros, os seus compoñentes e as súas posibilidades interactivas: itinerarios, enlaces, fotografías, vídeos, imaxes de 360 graos e un gran caudal de información ao servicio de interesados e estudiosos. “Trátase de posibilitar a localización de Galicia a través dos seus referentes culturais e patrimoniais”, dixo.

CONTIDO E SOFTWARE ABERTO

Roteiros da Cultura concíbese como unha plataforma de software e contidos que nos vindeiros meses poderán empregar as asociacións e entidades locais para crear de xeito sinxelo roteiros sobre o seu territorio que os usuarios poderán consultar en Internet, descargar ao seu GPS, teléfono móbil, ou imprimir un folleto personalizado do roteiro. As entidades locais poderán facer uso do software, que estará depositado con código aberto dentro da Forxa de Mancomún, o repositorio de software libre da Consellería de Innovación e Industria, ou ben empregar directamente a aplicación instalada en culturagalega.org para visibilizar o seu patrimonio e cultura local.

Na presentación participou tamén Antonio Pérez Casas, asesor do Conselleiro de Innovación e Industria para a Sociedade da Información.

O enderezo web para consultar Roteiros da Cultura é <a href="http://www.culturagalega.org/roteiros">www.culturagalega.org/roteiros</a>.