Fernando Salgado aludiu á oportunidade da reflexión sobre as relacións economía-cultura, particularmente en “tempos menesterosos” e salientou o papel da cultura e da creatividade “como factores nucleares da competitividade, ao impulsar mecanismos que favorecen a innovación”. Esa foi a preocupación do I Foro Internacional INDCREA, celebrado en 2011 na Illa de San Simón baixo o epígrafe “Galicia e as industrias culturais e creativas diante da Axenda 2020”. “Tratábase de profundizar na análise das coordenadas, a natureza específica e as consecuencias dun fenómeno tecnolóxico-cultural que se sitúa no epicentro da radical transformación que experimenta o mundo en que vivimos”, anotaron os editores dunha publicación que ocupa 673 páxinas e apunta á “oportunidade” que supoñen as industrias culturais, como dixo Valentín Alejandro.
O libro, publicado por Iberoamericana Media XXI, en edición iberoamericana e europea, presenta os textos en galego, español, portugués e francés e ten vocación de internacionalidade cunha distribución dirixida nomeadamente aos mercados hispano e lusófono. Está estruturado en catro grandes apartados que aluden á Axenda 2002, xestión estratéxica e modelos de negocio, estratexias sectoriais e oportunidades, desafíos e riscos da sociedade dixital.
Juan Carlos F. Fasero, director de AGADIC, destacou o traballo do Foro INDCREA e o feito de que Galicia forme parte, e convoque, estes debates de expertos realizados en colaboración coa Fundación Illa de San Simón-Illa do Pensamento. O Proxecto INDCREA xurdiu na Illa do Pensamento como actividade do Laboratorio Permanente das Industrias Culturais. Fasero apuntou, por certo, que un sector cultural atomizado como o galego estaba a resistir mellor o impacto da crise.
Xosé López, secretario do Consello da Cultura Galega, subliñou a necesidade destes debates e contribucións para que a cultura galega se exprese cada vez máis no mundo dixital. Agradeceu as colaboracións de AGADIC e da Fundación Illa de San Simón.
A publicación presentada hoxe terá continuidade no volume que recollerá os relatorios defendidos no II Foro Internacional INDCREA, celebrado recentemente na illa de San Simón, coa participación de 50 expertos que refleixonaron e debateron sobre “A cultura emprendedora e innovadora para as Industrias Culturais”.


