----

Avelino Pousa Antelo: un perfil de urxencia

Por Ramón Villares. Presidente do Consello da Cultura Galega.

A vida de Avelino Pousa Antelo pode considerarse como unha metáfora –unha das posibles metáforas- da Galicia do século XX e principios do século XXI. Non hai persoa que poida abranxer toda a riqueza dun século; pero hai persoas que son quen de reflectir na súa executoria vital algunhas das mellores correntes ou tendencias que definen un século. E Avelino Pousa pode acreditar varias. Eu subliñaría estas tres:a) vocación polo maxisterio; b) o interese pola agricultura; c) unha grande paixón polo galeguismo político.
Avelino Pousa Antelo: un perfil de urxencia

Que Avelino Pousa foi un profesional do maxisterio, entregado á nobre función de educar a escolantes nas primeiras fases da súa vida, non precisa moita demostración. Pero o que me interesa subliñar é máis a relevancia desta profesión na Galicia do século XX, do que a propia dedicación individual. E aquí entra de novo a pegada que deixou, malia todo, a experiencia da II República, que veu poñer algo de entusiasmo ao que, ata daquela, só puxeran as colectividades emigrantes cos seus centos de “escolas de americanos”.

Avelino Pousa, como mestre, é un fillo da II República, desa concepción da pedagoxía como un resultado da experiencia e non da aprendizaxe memorística; como un vieiro para adquirir autonomía persoal e intelectual e non sumisión a unha ortodoxia; como unha forma de entender o mundo e non de desprezalo. A educación foi, na Galicia do século XX, máis importante do que se recoñece, grazas a duas figuras esenciais: a dos mestres e mestras que, mesmo nos tempos do franquismo, nunca abdicaron da sua profesionalidade; e a dos emigrantes que fixeron da educación o remedio esencial para a sua adversidade persoal e mesmo colectiva.

Avelino Pousa tivo, ademais, a fortuna de participar nunha experiencia educativa singular, como foi a Granxa-Escola de Barreiros, na parroquia sarriana de Ortoá, solar natal da familia Fernández. Un lugar que a familia levaba en foro do priorado de Barbadelo e que un “Marcos Fernández” comprou na desamortización de Mendizábal, cara 1843.

A falla de emigrantes, a filantropía dun bisneto daquel Antón de Marcos fixo desta Escola e do Colexio de Fingoi unha das duas –co Colexio “Rosalía de Castro”, de Vigo- experiencias máis innovadoras da Galicia da época franquista. E alí deixou a sua pegada o noso homenaxeado, como reflicte o seu escrito Plan de Trabajo para la Granja Escuela de Barreiros, guía da sua acción naquela desemellante escola, que logo continuou o seu discipulo Valentín Arias.

Pero Avelino Pousa, alén da de mestre, tivo outras paixóns na sua vida. Unha delas, adquirida xa nos seus tempos de neno, foi a da agricultura, entendida non como profesión senón como sector a mudar ou transformar. A experiencia da Escola de Barreiros permitiulle fundir durante algún tempo ambas vocacións nunha soa, facendo ao seu xeito unha mestura de Misión “biolóxica” (ao estilo de Gallástegui) e Misión “pedagóxica” (ao estilo das da II República).

A agricultura galega, chea de lendas sobre a súa incuria e o sobre o seu atraso secular, está chea de sorpresas. Unha delas, e non a máis pequena, foi a súa sorprendente capacidade de mudanza durante todo o século XX. O que noutras nacións europeas demorou en se facer máis dun cento de anos, aquí fíxose en apenas trinta ou corenta. E estas mudanzas non terían sido posibles sen o concurso dunha entusiasta falanxe de técnicos, agrónomos e divulgadores de novidades científicas.

Avelino Pousa formou parte, durante moitos anos, desta falanxe de expertos agrarios, como mestre, como autor de artigos de xornal e de folletos, como directivo de empresas do sector e como defensor dunha alternativa cooperativista para resolver a integración da pequena labranza no mercado.
Avelino Pousa tivo, neste asunto, moitos mestres aos que admirou e coñeceu persoalmente, desde don Cruz Gallástegui ou don Juan Rof Codina ata os máis modestos pero non menos eficaces axentes de Extensión Agraria. E tivo tamén ao seu carón empresarios que quixeron entender de modo distinto o sector agro-gandeiro galego, como Alvaro Gil, como Antonio Fernández López, como Xosé Rodriguez de Larsa.

Non todo foi doado, pero sen o entusiasmo daqueles axentes da boa nova, que predicaban con novas sementes, ensinaban a combater pragas, melloraban a sanidade animal ou ilustraban sobre a necesidade de facer a concentración parcelaria ou de montar cooperativas leiteiras -A terra de Barcala foi, como aínda hoxe é ben notorio, un lugar pioneiro-, o noso sector rural aínda estaría en pior situación da que chegou a estar…O libro de Avelino Pousa, Valen ou non valen as ccoperativas de Explotación Comunitaria para o campo galego?, publicado en 1971, é a proba testemuñal daquela fusión de reflexión e de acción, que tanto caracterizou ao noso homenaxeado

Vocación de mestre, de nova pedagoxía, coa experimentación como guía de estudo. Vocación de agronomista, de reformador agrario, na mellor tradición da ilustración galega, pero sen ficar na torre de almasí, senón tratanto de forma directa con labregos e con empresarios, con técnicos oficiais e con dirixentes locais. E, como argamasa que lle dá forza a toda esta traxectoria, unha vocación de loita pola Terra (en maiúscula), baixo a forma dunha militancia galeguista.

A vocación galeguista de Pousa Antelo, segundo el ten contado moitas veces, naceu no feliz xuntoiro do réxime republicano e do maxisterio de Castelao, que o cautivou co engado da sua palabra, nun mitin en Compostela no ano 1931. Logo veu unha longa militancia galeguista, primeiro nas Mocidades Galeguistas, o mítico sector xuvenil do Partido Galeguista; a participación na campaña do plebiscito do Estatuto de Autonomía, con aqueles resultados gloriosos que o propio Pousa ten definido como as resultas dun “santo pucheirazo” eleitoral e…..unha guerra “pluscuancivil”, como adoito lle chamaba o Borobó.

Aquela formación política e cívica da mocidade galega republicana, fose máis ou menos galeguista, tardou moitos anos en ser recuperada. Pero finalmente foi abrollando por illós ben diversos. Uns, tiveron que facelo desde o exilio obrigado pola perda da guerra civil, como lle pasou a Luis Seoane e tantos da súa xeración; outros, foron procurando o seu acubillo en institucións ou empresas culturais no interior, como fixeron Paco del Riego ou Ramón Piñeiro; outros, desenvolveron notables proxectos empresariais, como Paz-Andrade, Diaz Pardo ou os fillos de Antón de Marcos; e outros, como Avelino Pousa, plasmaron esta vocación galeguista no seu labor na Escola de Barreiros, na divulgación agrarista, na loita pola mellora do campo e, finalmente na transición democrática, na tentativa de enlazar de novo coa tradición galeguista da II República.

A opción que escolleu Avelino Pousa foi a de reconstruir aquela tradición, mediante unha restauración do Partido Galeguista e de todo o que significaba, no ano 1978, partido do que foi seu Secretario Xeral. Tivo axudas notables, como as de Ramón Martinez López ou Manuel Beiras, pero non foron suficientes para poñer de novo no mapa político da autonomía todo aquel caudal do galeguismo republicano, malia as suas notables contribucións ao Estatuto dos 16, á experiencia municipal de Unidade Galega e a unha primeira expresión de política “galeuzcana”, xa de tradición republicana.

Que fracasase neste intento non foi debido a limitacións individuais, senón a un verdadeiro fracaso colectivo, unha das moitas “anomalías” das que estivo inzada a Transición democrática e a construcción da autonomía en Galicia. E aínda que pasaron ben anos daquelo, pouca é a vontade de explicar porqué pasou o que pasou. En todo caso, teráno que facer os gañadores -se os houbo- e non os que a sí mesmos se consideran uns inconformistas e “perdedores”, como con frecuencia se autocalifican figuras como Avelino Pousa, Isaac Diaz Pardo ou o propio Martinez López, todos eles xa finados.

Non creo que sirva de moito consolo, pero hai que dicilo. Quero dicir, amigo Avelino, agora que xa navegas pola cima das nubes, que ti non fuches un perdedor, que a perdedora foi a política galega e Galicia enteira; que coa coherencia e co exemplo de executorias vitais como a tua, a textura cultural, política e cívica da Galicia autonómica tería sido outra. Non é moito recoñecelo, pero este é un dos máis valiosos dos teus méritos persoais.

Foto de Avelino Pousa Antelo: Proxecto Nomes e Voces.