----

O escritor Agustín Fernández Paz galardoado co XI PREMIO “RAMÓN PIÑEIRO-FACER PAÍS”

O escritor, pedagogo e activista cultural Agustín Fernández (Paz (Vilalba-Lugo, 1947) foi galardoado co XI Premio “FACER PAÍS-Ramón Piñeiro López”, instituído en 2002 para recoñecer o labor senlleiro dunha persoa ou dunha entidade galega a prol do desenvolvemento de Galicia. O xurado, integrado por representantes de catorce asociacións de Láncara, Sarria, A Pobra de San Xiao e O Corgo (Lugo), que considerou un total de 45 candidaturas, salientou, alén da “innovadora e longa obra narrativa, traducida e recoñecida do premiado e o seu traballo a prol da renovación pedagóxica” o seu “decidido compromiso con Galicia e a lingua galega”, que o fan merecedor “de ser considerado un dos bos e xenerosos”. O fallo deuse a coñecer no curso dunha rolda de prensa celebrada hoxe no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. O premio, que carece de dotación económica, será entregado en Láncara nos días finais do vindeiro mes de outubro.

Carlos López Sierra e Manuel Fernández Arrojo, secretario e directivo da Asociación Cultural “Val de Láncara”, organizadora do premio, e Xurxo Rodriguez Lozano, do C.P.I. Ramón Piñeiro de A Pobra de San Xiao, deron conta da decisión do xurado e salientaron, canda os importantes e recoñecidos méritos literarios de Agustín Fernández Paz, o feito de que a súa obra “en tempos de globalización permite a incorporación das novas xeracións ao coñecemento dos valores propios da cultura e a lingua galegas”. Subliñaron asemade o feito de que “a súa peripecia vital e profesional no ámbito educativo e a sinxeleza do seu carácter, sempre alleo a xestos e actitudes personalistas e de autocompracenza, fano merecedor de ser considerado un dos bos e xenerosos que co seulabor constante e calado andan a “facer país” e ensinan a facer país ás xereacións que recibirán en herdo unha Galicia anovada”.

O premio, organizado pola Asociación Cultural “Val de Láncara” foi creado para honrar a memoria do insigne galeguista Ramón Piñeiro López (Láncara-Lugo, 1915-Santiago de Compostela, 1990), primeiro presidente do Consello da Cultura Galega.

Nas dez anteriores edicións o premio foi outorgado a: Isaac Díaz Pardo, Luís Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, Real Academia Galega e Mini&Mero.

Para esta edición a asociación convocante contou, entre outras, coas colaboracións de: Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Concello de Láncara, Caixa Rural Galega, Escola de Arte Superior de Deseño “Ramón Falcón”, Colexio Público “Ramón Piñeiro” de A Pobra de San Xiao e as entidades culturais xa mencionadas.