<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/12/territorios_innovadores.jpg" alt="territorios_innovadores.jpg" />
<em><div id="pedefoto">María Quintáns, Francisco Díaz-Fierros, Xosé Manuel García e Albino Prada, durante a presentación do libro.</em></div>
<em>Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2008.</em>- Os indicadores de esforzo ou inputs da I+D+i amosan que o esforzo en Galicia está lonxe da media española, sobre todo no tocante ao esforzo privado. Esta é unha das conclusións do libro "Territorios innovadores. Diagnose dos índices I+d+i en Galicia", do que son autores Xosé Manuel García Vázquez, María Quintás Corredoira e Albino Prada Blanco, profesores da Universidade de Vigo. O traballo, publicado na colección "Documentos e informes" do Consello da Cultura Galega, foi presentado hoxe nesta institución nun acto que contou tamén coa presenza do vicepresidente Francisco Díaz-Fierros, coordinador da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade.
<!--more-->
Os indicadores de resultados ou output da I+D+i están por debaixo da media española e "posto que España está lonxe da media comunitaria, e está afastada dos esforzos e resultados acadados por outras potencias como Estados Unidos, non cabe senón concluir que o noso sistema de I+D+i é comparativamente moi feble e necesita unha profunda revisión estratéxica. Tarefa que afronta o actual Plano Galego de I+D+i para 2006-2010", precisan os autores do informe.
O libro subliña a necesidade dun esforzo importante e menciona algunhas das políticas que deberían poñerse en marcha:
Incentivar os esforzos da I+D privada (tanto actuais como potenciais) para que acade mais do 50 por cento e chegar daquela, co esforzo público como complemento, ao obxectivo do 2 por cento PIB do esforzo total.
Mellorar os canais de transferencia e de innovación en tecnoloxía ("i"), aos que, nos países desenvolvidos non líderes, se lles outorga un peso por si so do 2 por cento no PIB e nos que é fundamental o gasto externo das empresaas (e, dentro deste, especialmente en formación permanente).
Focalizar a avaliación da eficiencia do esforzo no seguimento de indicadores de resultados razoables para un pequeno país como Galicia (máis en exportación ou en emprego en sectores intensivos en tecnoloxía e non tanto en patentes).
É necesario tamén estimular a incorporación de tecnoloxía por vías externas como o IED recibido e a importación selectiva de bens de capital. Exemplos desa incorporación son PSA-Peugeot Citroën e Zara, tal e como explicou Albino Prada.
A situación actual presenta tamén algúns aspectos positivos. Segundo os datos feitos públicos polo Instituto Naiconal de Estadística (INE) para 2007, por vez primeira na súa historia, Galicia realizou un gasto en actividades xeradoras de investigación e desenvolvemento tecnolóxico (I+D) que superou o 1 por cento do Prodcuto Interior Bruto (PIB) (1.03%) e situouse na sétima posición entre as comunidades autónomas españolas.
O outro dato relevante apunta que os gastos realizados polas empresas privadas para xenerar por si mesmas novos desenvolvementos tecnolóxicos suponen xa máis da metade do total do gasto rexional nesas actividades (55´3 %) igualando en 2007 a porcentaxe media española do esforzo empresarial no conxunto do gasto en I+D (55,9%).
En calquera caso, como precisou Xosé Manuel García Vázquez, os resultados obtidos confirman a fenda existente no ámbito socioeconómico de Galicia con respecto a España e permiten identidificar aqueles aspectos en que sería preciso algún tipo de intervención de política rexional. En suma, debe incrementarse o esforzo privado en I+D e a capacidade de creación de tecnoloxía en Galicia, xa que é neste punto onde máis diferencial se atopa na comunidade galega.
A publicación recolle boa parte do informe elaborado polos autores baixo o título "Sistemas de indicadores sobre recursos, resultados e impacto da I+D+i en Galicia", feito ao abeiro dun convenio asinado en 2006 entre a Universidade de Vigo e o Instituto Galego de Estatística (IGE). Posteriormente, en novembro de 2007, fixéronse públicos os resultados agora publicados. Aquela xornada foi organizada polo Consello da Cultura Galega, institución que se responsabilizou logo da edición do libro.

