<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/12/expoxxv_pontevedra.jpg" alt="expoxxv_pontevedra.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Marcelino Amoedo, Ramón Villares e Julio Fernández Gayoso, nun momento da inauguración da exposición en Pontevedra</em></div>
<em>Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2008.</em>- A exposición itinerante e interactiva “Galicia 25. Unha cultura para un novo século” está aberta desde hoxe e ata o próximo 18 de xaneiro no Centro Social Caixanova (rúa Augusto González Besada, 2-4) en Pontevedra. A mostra, realizada en colaboración con Caixanova, forma parte do programa de actos organizados polo Consello da Cultura Galega para conmemorar os seus primeiros 25 anos (1983-2008). Con anterioridade puido verse, durante os meses de outubro e novembro, nas salas de Caixanova en Vigo, onde foi visitada por máis de doce mil persoas.
<!--more-->
Estructurada baixo as denominacións “formas e espazos”, “palabras, imaxes e sons” e “fíos e desafíos” a exposición “Galicia 25. Unha cultura para u novo século” abrangue arquitectura e identidade, cultura ambiental, espazos da comunicación, deseño e industria, historias debuxadas, o valor do patrimonio, a creación, a sociedade do coñecemento, os sons do lugar, o territorio luminoso das palabras, a festa dos mais novos, o libro, imaxes e ficcións, artes escénicas e as diferentes posibilidades e presenzas de Galicia no mundo por todos os camiños ou navegando outros mares.
A mostra, conformada por 25 módulos ou unidades temáticas, “non é un inventario, senón mais ben unha mensaxe de futuro e unha expresión da pluralidade e do policentrismo da cultura galega”, afirmou Ramón Villares, Presidente do CCG, que tamén salientou o que que cualificou como “excepcional exemplo de cooperación por parte da iniciativa privada e das institucións públicas”. Unha idea do CCG acollida e apoiada por Caixanova que contou tamén coas contribucións da Presidencia da Xunta de Galicia e da Consellería de Cultura e Deportes. Villares chamou a atención sobre a importancia e a significación da cultura “como elemento sustancial da identidade do país e compoñente decisivo na configuración da Galicia da Autonomía”
Para Victor F. Freixanes, comisario da exposición xunto con Iago Seara e Henrique Monteagudo, “Galicia 25? é “un escaparate da cultura galega, a imaxe dun país en marcha que ten algo que dicir e quere dicilo, unha cultura e un idioma con capacidade para dialogar e interactuar con outras culturas e outros idiomas en igualdade de condicións, sen arrogancias e sen complexos”.
No acto de inauguración celebrado a última hora desta tarde no Centro Social Caixanova de Pontevedra interviron: Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega; Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde de Pontevedra; Julio Fernández Gayoso, Presidente de Caixanova, e Victor F. Freixanes, comisario da exposición.

