----

60 anos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o acontecemento mais relevante do século XX, en palabras de Federico Mayor Zaragoza

<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/12/dios_zaragoza.jpg" alt="dios_zaragoza.jpg" />

<em><div id="pedefoto">Manuel Dios e Federico Mayor Zaragoza, durante a intervención no Salón de Actos do CCG.</em></div>

<em>Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2008.-</em> "A Declaración Universal dos Dereitos Humanos é o acontecemento mais relevante do século XX, o de maior proxeción de futuro". A afirmación é de Federico Mayor Zaragoza, ex-director xeral da Unesco, presidente da Fundación "Cultura de Paz" e relator no acto conmemorativo do 60 aniversario da Declaración (1948-2008), celebrado hoxe no salón de actos do Consello da Cultura Galega, por iniciativa desta institución xunto co Seminario Galego de Educación para a Paz e o Colexio de Avogados de Santiago.


<!--more-->

Os actos, presididos por Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, a quen acompañaban Manuel Dios Diz, Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, e Evaristo Nogueira, Decano do Colexio de Avogados de Santiago, incluiron actuacións musicais, lectura pública dos trinta artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e relatorios de Evaristo Nogueira, Manuel Ollé, Presidente da Asociación Pro Dereitos Humanos, e Federico Mayor Zaragoza.

Os relatores subliñaron a necesidade de cumprir e observar os mandatos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. O Decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira, denunciou o que cualificou como "falsa dicotomía entre liberdade e seguridade" en alusión ás medidas dirixidas a combatir o terrorismo. "Pode haber seguridade sen limitación de liberdades e dereitos", dixo, e recordou que Guantánamo é un exemplo de como non debe ser combatido o terrorismo para engadir: "Non hai maior inseguridade que a derivada da arbitrariedade do poder".

Manuel Ollé, Presidente da Asociación Pro Dereitos Humanos, quixo deixar claro que a Declaración "é básicamente un tratado de paz" e chamou a atención sobre a necesidade de cumprila e facela cumprir nun intento de mellorar un escenario preocupante. "A inxustiza, a desigualdade e a impunidade continúan a pesar de todo", afirmou.

Federico Mayor Zaragoza logo de recordar a relevancia absoluta da Declaración, aludiu e reivindicou a acción e o compromiso da cidadanía. "Democracia significa ter en conta ao cidadán e agora, por vez primeira, os cidadáns dispoñemos da posibilidade dunha participación non presencial e debemos facernos ouvir".

O ex-director xeral da Unesco, que falou da necesidade de potenciar as funcións da ONU, lembrou que a vida é o primeiro dereito e fixo fincapé nos tres mil millóns de dólares destinados cada día á industria armamentista ou nas sesenta mil persoas que morren de fame cada día. "Debemos ver o mundo no seu conxunto e recordar que non hai desafíos que excedan a nosa capacidade creadora", aseverou.

Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, afirmou pola súa parte ao clausurar os actos, a proxeción da cultura como posibilidade para o diálogo, o entendemento e a paz e salientou a capacidade de acción da cidadanía. "Sempre podemos facer algo mais do que cremos poder facer", dixo.


 LECTURA E MÚSICA

Os artigos da Declaración foron lidos por: Ramón Villares, Federico Mayor, Marilar Aleixandre, Manuel Ollé, Milagros Otero, Manuel Ameijeiras, Helena Villar, Xusto Beramendi, Guadalupe Rodríguez, Lourenzo Fernández Prieto, María Xosé Agra, Senén Barro, Tareixa Navaza, Amparo González Méndez, Calo Iglesias, Carmen Durán, Marisa Mariñas, Manuel Santos, Rosario Álvarez, Benigno Sánchez, María Luísa Sobrino, Camilo Nogueira, Xosé Manuel Sabucedo, Xan María Castro, Ernesto Gómez, Evaristo Nogueira, Pilar Cagiao, Tuco Cerviño, Anxos Sumai e Manuel Dios.

As actuacións musicais estiveron ao cargo  do Grupo de Música do IES "Antonio Fraguas" de Santiago e do dúo "No title".