----

O Consello da Cultura Galega participa en Culturgal-2008 en Palexco-A Coruña

<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/12/stand_culturgal.jpg" alt="stand_culturgal.jpg" />

<em><div id="pedefoto">Posto do Consello da Cultura Galega no Culturgal 2008.</em></div>

<em>Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2008</em>.- O Consello da Cultura Galega participa, con espazo propio, na Feira Galega das Industrias Culturais-Culturgal 2008, organizada e promovida pola Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, que se celebra do 4 ao 7 de decembro en Palexco (A Coruña).

<!--more-->

O espazo do Consello da Cultura Galega subliña a dimensión conmemorativa dos 25 anos da institución (1983-2008), baixo o lema "Crear cultura, imaxinar país", e presenta o audiovisual, o catálogo e o folleto que acompaña a exposición "Galicia 25. Unha cultura para un novo século", que iniciou o seu percorrido en Vigo e será inaugurada en Pontevedra o próximo día 15 de decembro.

Ofrece tamén a "Memoria de actividades 2007" e o "Catálogo de publicacións (1983-2007)" e presenta unha serie de libros entre os que cómpre salientar: "Os símbolos de Galicia", "Anuario de estatísticas culturais 2006", "Ánxel Casal, un editor para un país", "Primeiros diarios galegos. 1908-1909", "Galicia e as Cantigas de Santa María", "Situación do ensino da lingua e da literatura galega na Edcucación Secundaria Obrigatoria", "Historia da meteoroloxía e da climatoloxía de Galicia" ou "Ramón Suárez Picallo. Unha voz galega no exilio" (libro e CD).