----

Tres proxeccións e un debate cerran hoxe en Ferrol o II Ciclo “Creadoras Galegas de Imaxe” organizado polo Consello da Cultura Galega

O II ciclo de Proxeccións “Creadoras Galegas de Imaxe”, organizado pola Comisón de Igualdade do Consello da Cultura Galega, concluirá esta tarde en Ferrol con tres últimas proxeccións e un debate final. Baixo o lema “A construción do relato ideado” o programa, desenvolvido desde o martes día 6, e con acceso libre no Centro sociocultural Novacaixagalicia de Ferrol (Praza da Constitución, s/n), deu a coñecer once produccións de creadoras galegas que traballan nos xéneros cinematográficos de ficción, documental e animación (curta e longametraxe) baixo olladas feministas.
Hoxe xoves día 8, baixo o lema "A través dos lugares", veranse os documentais "Aadat", de Xisela Franco, e "Apash, os de fóra", de Cora Peña, e a longametraxe "Tralas luces", de Sandra Sánchez.
A sesión e o ciclo rematarán cun debate moderado por Encarna Otero e no que intervirán as realizadoras Xisela Franco e Cora Peña.





As sesións comezaron o martes día 6 ás 16´30 horas coas cinco primeiras proxeccións baixo o epígrafe "Interferencias". Tratouse de "Recreación", de Gemma Pardo; "Lo que no puede ser visto debe ser mostrado", de María Ruido; "Asuntos internos", de Xoán Anleo e Uqui Permui; "Comunidade", de Salomé Lamas, e "Electroclass", de María Ruido.

Previamente houbo unha presentación xeral por parte das coordinadoras do ciclo, Uqui Permui e Encarna Otero, e de María Xosé Agra, coordinadora da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega.

O mércores 7, baixo o lema "Traballo e resistencia" puideron verse: "Nós, operarias do Sogantal" (Portugal), longametraxe de Nadejda Tilhou; "A muller e o mar", vídeo documental de Ariane Porto (Brasil), e "Doli, doli, Doli coas conserveiras", longametraxe de Uqui Permui.

A presentación pública do ciclo tivo lugar o luns 5 no Centro Sociocultural Novacaixagalicia e contou coas intervencións de: Uqui Permuy e Encarna Otero, coordinadoras do Ciclo, e Verónica Rego, delegada institucional de Novacaixagalicia.

Para a realización do ciclo o Consello da Cultura Galega contou coa colaboración, convenio mediante, da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

O programa, que continúa o ciclo desenvolvido en Lugo en 2011, pode verse e/ou descargarse en:
http://www.consellodacultura.org/evento.php?id=200104