----

O IX Simposio “O libro e a lectura”, da Asociación Galega de Editores, subliñou a necesidade de novos consensos para a defensa do "ecosistema cultural"

O chamamento a novos consensos en defensa do ecosistema do libro e a lectura foi un dos vectores do IX Simposio convocado pola Asociación de Editores de Galicia (AGE) celebrado hoxe no Consello da Cultura Galega (CCG) baixo o lema “O futuro da librería”. O foro, ao que asistiron setenta representantes do sector, reuniu a expertos e profesionais que reflexionaron sobre a comercialización, as redes sociais, as feiras, os modelos de negocio e as súas expectativas. Na sesión inaugural interviron: Henriqe Monteagudo, do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura, en funcións; Pilar Rodríguez, Presidenta da Federación Libreiros de Galicia, e Manuel Bragado, presidente de AGE. O simposio está patrocinado por CEDRO e conta coa colaboración do CCG.
O IX Simposio “O libro e a lectura”, da Asociación Galega de Editores, subliñou a necesidade de novos consensos para a defensa do

O editor Manuel Gil analizou no primeiro relatorio o tema “A comercialización do libro a través das canles das librerías. Desde o punto de vista da edición” e salientou “a necesidade de confluir, de converxer para poder sobrevivir”. Ese chamamento á converxencia e a novos consensos fora subliñado con anterioridade por Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura, e por Manuel Bragado, presidente de AGE.

O panel dedicado a considerar “A utilización das redes sociais nas librerìas”, contou coa participación de Xosé Rodríguez Lois (Redelibros-Vigo), Carlos Airas Cota (Librería Airas das Letras-Allariz) e Damiá Gallardo (Librerías Laie-Barcelona), que defenderon o emprego deses recursos para unha mellor difusión das ofertas editoriais.

Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, falou sobre “As feiras do libro” e fixo fincapé na necesidade de reconsiderar e relanzar o modelo buscando unha maior implicación e presenza do público.

Na sesión de tarde unha mesa redonda reflexionou sobre “Os -distintos- modelos de negocio das librerías” coa participación de Enric Faura (Edicat-Barcelona), Juan Carlos Febrero (Casa del Libro-Vigo), Carlos Coira Nieto (Libraría Trama-Lugo) e Carlos Blanco, de Librerías Nobel-Grupo Arnoia-Pontevedra).

A conferencia final chegou da man de Mariá Marín i Torné, secretario do Gremi de Libreters de Catalunya, que falou sobre “O futuro da librería” e apostou por manter o tecido industrial e cultural do libro “no mundo cambiante, por veces descoñecido e case sempre novedoso, da realidade dixital”.