<em>Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2008.-</em> “Necesitamos un consenso sobre o que temos en común, o que nos une, valorar a comunidade cívica na que estamos integrados”, afirmou Fernando Vallespín, catedrático de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid, durante a súa intervención no Foro “Cultura e política”, que hoxe concluíu no Consello da Cultura Galega. Na última sesión participou tamén Alessandro Ferrara, catedrático de Filosofía Política da Universidade de Roma e Presidente da Asociación Italiana de Filosofía Política. Cincuenta estudiosos e especialistas asistiron ás sesións coordinadas por Ramón Máiz, catedrático de Ciencia Política da Universidade de Santiago.
<!--more-->
No panel titulado “Universalismo e particularismo na sociedade post-secular” Fernando Vallespín dixo que o problema plantexado coas posicións dos dereitos de grupo de base identitaria é que aparecen como non negociables, contrariamente ao que sucede cos derivados do paradigma da distribución. Os segundos aluden ao ter e préstanse ao compromiso. Os primeiros refírense ao ser e impiden a transacción, xa que consideran en xogo a propia identidade. Desde ese esquema, quen ata hai poucos meses fora Presidente do CIS (Centro de Investigaciones Sociológicas), xulgou difícil a integración dos paradigmas identitarios no sistema democrático-liberal, pero lembrou que a superación dos conflitos, sexan de intereses, de natureza ideolóxica ou de identidade, é un factor socializador de gran importancia no sistema democrático. Nese senso, e en referencia ás tensións visibles no Estado das Autonomías, considerou necesario que a dinámica da confrontación argumentativa no espazo público “contribúa a que acabemos fixándonos mais no que nos une que naquelo que nos separa. E o que nos une é a disposición a deixarnos guiar polo que resulte da argumentación”.
Alessandro Ferrara reflexionou sobre a política como o espazo da priorización dos fins, o que permite provomover a prioridade dos fins “á luz de razóns capaces de mover a nosa imaxinación” e afirmou que sen autonomía, sen liberdade para establecer esa prioridade, non hai política democrática. Aludiu á oferta de teorías, con pretensións de universalidade que difícilmente poden dar resposta á nosa intuición da pluralidade de marcos interpretativos, e teorías que parten de asuncións pluralistas e que non xustifican o noso impulso cara ao universalismo. Engadiu que a estética e o xuizo reflexivo exerce o papel de modelo de validez que, a través da noción de validez exemplar, pode aunar universalismo e pluralismo. A explicación reside no que chama a normatividade do exemplo: o que xurde dun contexto histórico e cultural pode exercer forza fóra do seu contexto orixinal en relación coa subxectividade, individual ou colectiva, que a produciu.
Nos debates, que se desenvolveron esta mañá no salón de actos do Consello, participaron tamén, como retrucantes, Antón Baamonde, ensaísta e secretario do foro, e María Xosé Agra, catedrática de Filosofía Pollítica da Universidade de Santiago.
O Foro “Cultura e política. Debates contemporáneos” foi o último dos seis organizados este ano polo Consello da Cultura Galega para conmemorar os 25 anos da institución (1983-2008).

