<em>Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2008.-</em> Amelia Valcárcel, catedrática de Filosofìa Moral e Política da Universidade de Oviedo, e Fernando Vallespín, catedrático de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid, abrirán e pecharán, respectivamente, as sesións do foro “Cultura e política. Debates contemporáneos”. Coordinado por Ramón Máiz, catedrático de Ciencia Política da Universidade de Santiago, este foro de debate, que se desenvolverá os días 2 e 3 de decembro, é o último dos seis organizados polo Consello da Cultura Galega dentro do programa conmemorativo dos 25 anos da institución (1983-2008).
<!--more-->
O programa aborda as diferentes dimensións do xiro culturalista visible nos últimos vinte e cinco anos no ámbito das ciencias políticas e da filosofía e tamén nas demandas e nas mobilizacións políticas. Ten en conta asemade os retos plantexados polo feminismo, a diferenza e a sustentabilidade para a reformulación do horizonte normativo da democracia. Obxectivos resumidos nos epígrafes “Identidades colectivas, pluralismo e democracia” e “Universalidade e particularismo na sociedade post-secular”.
As sesións comezarán o día 2 de decembro ás 10 horas cunha intervención do coordinador, Ramón Máiz, catedrático de Ciencia Política na Universidade de Santiago.
Virá deseguido a intervención de Amelia Valcárcel (“Xénero, política e cultura”) e da retrucante Cristina Sánchez, profesora titular de Filosofìa do Dereito na Universidade Autónoma de Madrid.
Ás 12´15 horas Natividad Gutiérrez, catedrática de Socioloxía na UNAM-México, falará de “Etnonacionalismos e conflitos étnicos en América Lastina Hoxe”, retrucada por Carlos Fernández, profesor de Filosofía e ensaísta.
Ás 16´30 horas Rafael del Águila, catedrátrico de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid, reflexionará sobre “Mentalidades culturais e integración política: un mapa conceptual”, retrucado por Jorge Álvarez Yágüez, profesor de Filosofía e ensaísta.
Pechará a tarde o relatorio “Tres nocións de pluralismo no espazo público” a cargo de Carlos Thiebaut, catedrático de Filosfía na Universidade Carlos III de Madrid, a quen replicará Elena Guitián, catedrática de Filosofía na Universidade Autónoma de Madrid.
<strong>MÉRCORES, 3</strong>
Ás 10 horas chegará o relatorio “Dilemas políticos contemporáneos e a forza do exemplo” con Alessandro Ferrara, catedrátrico de Filosofìa Política na Universidade de roma e Presidente da Asociación Italiana de Filosofía Política, a quen replicará María Xosé Agra, catedrática de Filosofía Política na Universidade de Santiago.
A sexta e última sesión, a partir das 11´45 horas, abordará o tema “Cultura, política e diversidade” co relatorio de Fernando Vallespín, catedrático de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid, que terá como retrucante a Antón Baamonde, profesor, ensaísta e secretario deste foro de debate.

