<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/12/culturalocal1.jpg" alt="culturalocal1.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Carlos Forcadell, Ramón Villares e Francis Díaz-Fierros, durante a última sesión do foro.</div></em>
<em>Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2008.</em>- Os Centros de Estudos Locais deberán actuar como difusores culturais, aproveitar as posiblidades da dixitalización e poñer en marcha liñas de coordinación. Esta é a principal conclusión do I Foro de Cultura Local, convocado e organizado polo Consello da Cultura Galega, institución que, entre outros obxectivos e proxectos de traballo, aposta tamén por impulsar esas liñas de cooperación cos axentes da cultura no ámbito local, tal e como explicou o seu Presidente, Ramón Villares.
<!--more-->
Nas sesións deste primeiro Foro da Cultura Local participaron uns trinta representantes de centros e asociacións de distintos concellos de Galicia, interesados en reformular iniciativas e propostas no espazo aberto polos novos horizontes sociopolíticos e culturais.
Sobre as posibilidades e das necesidades de reforzar a difusión de actividades e publicacións, a través da Rede e da dixitalización, xiraron algunhas das reflexións na última sesión do foro. Falouse tamén do obxectivo de chegar a novos públicos por parte de entidades caracterizadas, en boa medida, polos seus contactos visibles e directos co entorno. Acerca destes e outros aspectos xirou o debate moderado por Alfredo Erias, do Arquivo Municipal de Betanzos.
Previamente, Manuel Gago, director do portal culturagalega.org (Consello da Cultura Galega) presentou a nova proposta de contido do sitio en forma de roteiros culturais, aplicación de fácil manexo, interactiva e incorporable a google earth ou ao GPS do coche para maior comodidade do usuario.
A sesión iniciouse co relatorio de Carlos Forcadell, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Zaragoza e director da Institución Fernando el Católico, da capital aragonesa, que falou dacultura desde o territorio e analizou o pasado e o presente dos centros culturais. Salientou a importancia da súa función difusora e lexitimadora en diferentes períodos históricos ao longo de case un século.

