"O Consello da Cultura manterá as actividades en 2011, a pesar da reducción orzamentaria nun 9´4 por cento", dixo Ramón Villares no Parlamento
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2010.- “Procuraremos manter a velocidade de cruceiro e o desenvolvmento das actividades que vimos facendo, a pesar do recorte orzamentario, que xa ven dos anos anteriores, e que neste supón unha diminución do 9´4 por cento”. Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, expresouse así antes de resumir o feito en 2010 e o previsto para 2011 ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia. O CCG contará dun orzamento de 2´7 millóns de euros en 2011, período no que dedicará un amplo programa á conmemoración do primeiro centenario de Álvaro Cunqueiro e acrecentará a proxección exterior da cultura galega a través da cooperación activa cos Institutos Camoes e Cervantes. Os grupos parlamentarios acolleron positivamente a exposición. Socialistas e BNG expuxeron a súa preocupación polo recorte orzamentario e o PP agradeceu “o esforzo solidario do Consello”.<!--more-->
“En 2011 deberemos, ademais de cumprir as obrigas fundacionais e as funcións de alta asesoría, incrementar a proxecciòn exterior da cultura galega e seguir sendo un foro de reflexión e debate ao servizo da cultura e da sociedade galega”. Ramón Villares, Presidente do CCG, enmarcou deste xeito os desafíos do vindeiro ano para destacar deseguido o papel de ponte que a cultura galega pode e debe cumprir entre a hispanidade e a lusofonía. Mencionou a cooperación que activarán os convenios a asinar este mes cos Institutos Camoes e Cervantes, ademais da atención ao mundo da emigración galega.
Aludiu tamén ao programa de actividades para conmemorar ao longo do 2011 o primeiro centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro, xenial escritor e fabulador, merecedor dun programa que Villares calificou de “ambicioso” e para o que se conta coa colaboraciòn da Xunta, as tres Universidades, a Real Academia Galega e os concellos de Vigo e Mondoñedo.
Falou asemade da atención á recuperación do patrimonio, liña de traballo que o CCG continuará co audiovisual a través da catalogación e dixitalización dos fondos de Radio Nacional de España en Galicia, mediante un convenio a asinar coa Corporación de RTVE. Outro obxectivo importante ha ser a elaboración dun informe sobre as Fundacións Culturais galegas, a instancias da Consellería de Cultura.
Referiuse tamén á atención que o Consello presta á difusión da documentación e publicacións na rede, particularmente a través do portal cultural (www.culturagalega.org) e aos traballos do Obvservatorio da cultura Galega.
Do ano 2010 destacou as actividades conmemorativas do centenario de Luís Seoane e os Foros de Reflexión Estratéxica sobre a Cultura Galega, que deben concluir neste mes.
REACCIÓN DOS GRUPOS PARLAMENTARIOS
Os tres grupos parlamentarios acolleron positivamente as explicacións do Presidente do Consello da Cultura Galega. Ana Pontón (BNG) criticou o recorte orzamentario, que vinculou “a obxectivos da Xunta tendentes a desprotexer a lingua e a cultura de Galicia”. Aludiu tamén á necesidade de ampliar as funcións de alta asesoría do CCG ao propio Parlamento de Galicia.
En parecidos termos se expresou Concepción Burgo (PS de G-PSOE), preocupada polas dificultades que o CCG terá “para abrir novos campos de actividade por causa do recorte orzamentario”.
Ignacio López Chaves (PP) fixo votos para que os recortes no presuposto poidan ter fin e agradeceu a colaboración do Consello “no esforzo solidario para manter os servizos sociais”. Plantexou tamén observacións a respecto dalgunhas das actividades anunciadas por Ramón Villares, que agradeceu a acollida e a comprensión dos grupos parlamentarios presentes na Comisión presidida polo socialista Ismael Rego.