<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/12/culturalocal2.jpg" alt="culturalocal2.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Peridis, Juan Carlos Prieto e Francisco Díaz-Fierros, durante o foro que se celebrou no Salón de Actos</div></em>
<em>Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2008.- </em>As asociacións culturais do ámbito local presentan carencias orzamentarias, pouca renovación xeneracional e reducidos niveis de participación, pero melloraron a xestión e a realización de actividades. Asi o indica un estudio sobre o asociacionismo cultural na provincia da Coruña presentado hoxe no Foro de Cultura Local, organizado polo Consello da Cultura Galega e no que mañá se analizará o futuro destas entidades. Uns trinta expertos e representantes asociativos asisten ás sesións.
<!--more-->
O estudio referido á provincia da Coruña pode extraprolarse ás outras tres, segundo Pablo Meira, relator do informe e profesor da Universidade de Santiago, para quen, xunto coas necesidades e carencias, hai que considerar tamén a mellora na organización e no funcionamento interno e na capacidade para a realización de actividades. “Creo que no futuro as asociacións culturais deberán ser máis proactivas emenos reactivas”, dixo Pablo Meira.
O estudio indica asemade a fortaleza da cohesión interna e o compromiso por parte dos xestores destas entidades, necesitadas de novos impulsos logo dos cambios rexistrados ao longo dos últimos 25 anos e no marco dos novos horizontes políticos e culturais. Sobre eses vectores xirou o debate que a última hora da tarde moderou Carlos Méixome, do Instituto de Estudos Miñoranos.
Previamente, e despois da inauguración por parte do Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e da presentación do foro a cargo do vicepresidente da institución, Francisco Díaz-Fierros, interviron José María Pérez (Peridis) e Juan Carlos Prieto, da Fundación Santa María la Real, radicada en Aguilar de Campoo (Palencia). Os dous relatores deron conta dos pasos seguidos por unha institución que empezou como Asociación Cultural e que hoxe conta con douscentos traballadores e ten nas escolas-taller un dos sinais de identidade. Entre outras actividades, a Fundación referida impulsa a elaboración dunha Enciclopedia do Románico Español.
<strong>O PROGRAMA PARA O SÁBADO, 29</strong>
A partir das 10´30 horas, intervirá Carlos Forcadell, director do Instituto Fernando el Católico, de Zaragoza, sobre “A cultura desde o territorio: pasado e presente dos centros de estudos locais”.
Ás 12 horas, Manuel Gago profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago e director do portal culturagalega.org (Consello da Cultura Galega) falará de “Roteiros da cultura. Posibilidades de colaboración coas asociacións locais”.
A xornada finalizará cun debate sobre “Futuro das asociacións culturais galegas. Novas liñas de actividade” moderado por Alfredo Erias, do Arquivo Municipal de Betanzos.

