----

A ”Declaración de Santiago en defensa da conservación do patrimonio cultural galego” impulsa un Foro como espazo de diálogo profesionais-Administración

O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe a presentación da “Declaración de Santiago en defensa da conservación do patrimonio cultural galego” e do “Foro do Patrimonio Cultural Galego” como espazo de diálogo entre os profesionais e a Administración. Trátase de iniciativas plantexadas ao abeiro das “III xornadas sobre boas prácticas na conservación do patrimonio cultural”, celebradas o pasado mes de setembro por iniciativa da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e tres asociacións profesionais do sector, ademais da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, requerido como activo cooperador do referido Foro.

A “Declaración de Santiago” intenta poñer remedio a unha realidade que “amosa unn panorama cheo de desacertos e incertezas” e xulga imprescindible a redacción dun documento de referencia que se podería plasmar nunha “Carta para a Conservación do Patrimonio Cultural Galego” como base para a elaboración de protocolos para o deseño, execución e xestión de proxectos.

Considera asemade imprescindible o impulso dun Plan Urxente “para os ámbitos especialmente vulnerables e sometidos ao deterioro” e un inventario e catalogación aberto á interacción social e apunta que ese arquivo documental debe estar aberto á consulta pública.

O documento, que ve urxente a regulación da actividade profesional dos conservadores-restauradores, entende imprescindible “a reorganización das estruturas organizativas da Administración encargada da tutela do Patrimonio Cultural Galego e defende a necesidade do Instituto Galego de conservación do Patrimonio Cultural.

Na presentación do documento interviron: Fernando Carrera Ramírez (Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia), José Manuel Rey Aguiño (CRG), Comba Torre (ARCOBENS), Yolanda Porto (ACRE) e María García Alén e Iago Seara Morales (Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega).