As actividades do Consello da Cultura Galega en 2013 estarán en boa medida marcadas polo congreso internacional que dedicará á figura e á obra de Rosalía de Castro (1837-1885) baixo o título “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”. Serán cinco xornadas que se desenvolverán entre os meses de febreiro e xuño coa participación dos máis destacados expertos nacionais e internacionais na obra rosaliana. En 2013 cumpriránse 150 aniversario da publicación en Vigo (1863-2013) de “Cantares Gallegos”, obra auroral e determinante para o Rexurdimento das letras galegas. O congreso, que se celebrará na sede da institución en Santiago de Compostela, terá unha parte presencial, cunha programación pechada de conferencias, mesas redondas e recital poético, e unha parte virtual aberta a comunicacións libres. O programa, que poderá seguirse vía streaming e terá tamén unha proxeción virtual, constará de once conferencias, cos seus correspondentes retrucantes, nove mesas redondas (un coordinador e, xeralmente, tres convidados), un recital poético e medio centenar de relatores e relatoras convidados expresamente. Ramón Villares lembrou o congreso rosaliano celebrado en 1985, no que tamén tiña participado a institución, e salientou a liña de continuidade.
Xunto co congreso rosaliano-2013 e as preceptivas funcións de alta asesoría en materia cultural, o plenario do Consello da Cultura Galega deu a súa aprobación a outras actividades, entre as que cómpre citar o simposio en homenaxe a Serafín Moralejo Álvarez, as xornadas sobre a situación dos museos e as artes escénicas de Galicia ou a repercusión da Lei da Memoria Histórica na Emigración.
Na sesión aprobouse asemade o borrador do informe “Recomendacións para o acceso ao patrimonio moble de Galicia”, cunha serie de directrices que teñen en conta as recomendacións da Unesco ao respecto. As medidas estrutúranse en catro liñas de acción: a elaboración de instrumentos para o público coñecemento do patrimonio, acceso, sensibilización e profesionalización da xestión do patrimonio. O texto foi elaborado por unha comisión técnica temporal, integrada por María del Mar García Miraz, Segundo Pérez López, Bieito Pérez Outeiriño, María Ánxeles Vidal Fraile e Alfredo Vigo Trasancos coa coordinación de Concha Varela Orol, membro do Plenario.


