<em>Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2008.- </em>O Consello da Cultura Galega abrirá o día 28 ás 16´30 horas un foro de reflexión e debate sobre o papel actual e futuro das asociacións de cultura local coa participación de expertos e representantes destas entidades. As sesións comezarán co relatorio “A experiencia de Santa María la Real de Aguilar de Campoo” a cargo de Juan Carlos Prieto e José María Pérez (PERIDIS) e continuarán durante a tarde do venres e a mañá do sábado.
<!--more-->
O segundo relatorio, a partir das 17´30 horas e a cargo de Pablo Meira, profesor da Universidade de Santiago, centrarase no tema “Valoración e comentarios do estudo sociolóxico sobre as asociacións culturais da Coruña”.
Ás 19 horas, Carlos Méixome, do Instituto de Estudos Miñoranos, moderará un debate sobre “Os cambios nestes últimos vinte e cinco anos. Novos horizontes sociopolíticos e culturais”.
Na mañá do sábado, día 29, a partir das 10´30 horas, intervirá Carlos Forcadell, director do Instituto Fernando el Católico, de Zaragoza, sobre “A cultura desde o territorio: pasado e presente dos centros de estudos locais”.
Ás 12 horas, Manuel Gago profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago e director do portal culturagalega.org (Consello da Cultura Galega) falará de “Roteiros da cultura. Posibilidades de colaboración coas asociacións locais”.
A xornada finalizará cun debate sobre “Futuro das asociacións culturais galegas. Novas liñas de actividade” moderado por Alfredo Erias, do Arquivo Municipal de Betanzos.
O Consello da Cultura Galega intenta con estes debates dar a coñecer experiencias actuais doutras comunidades autónomas, e analizar os estudos sociolóxicos centrados no seu papel en Galicia e os instrumentos de comunicación que as novas tecnoloxías ofrecen. Trata tamén de identificar con claridade o novo contexto sociopolítico no que se desenvolve o traballo das asociacións de cultura local e de definir novas liñas e posibilidades de acción no futuro.

