Ramón Villares falou da necesaria capacidade de adaptación do traballo da institución a un escenario caracterizado polos sucesivos recortes orzamentarios desde o ano 2008 e salientou o alto nivel de execución presupuostaria -un 88 por cento en 2012- así como o feito de que todos os gastos do Consello da Cultura Galega son previamente fiscalizados.
Resumiu o traballo da institución en 2012 destacando os informes sobre o acceso ao patrimonio moble e a situación das artes escénicas, así como a recuperación e dixitalización de documentación da emigración e o exilio, dos arquivos sonoros de Radio Nacional de España en Galicia ou do importante legado documental de Valentín Paz-Andrade. O autor de “Galicia como tarea” protagonizou unha parte significativa da actividade da institución en 2012 e foi tamén bandeira da proxección cunha exposición sobre a súa obra inaugurada finais do ano pasado en Sao Paulo e que percorrerá outras cidades do Brasil. Nesa proxección exterior da cultura galega tivo tamén protagonismo Luís Seoane, nomeadamente en Bos Aires. Outros pasos déronse en colaboración coa Asociación Internacional de Estudos Galegos ou coa Asociación Europea de Museos da Emigración.
No que atinxe ás publicacións o presidente do CCG aludiu ao volume dedicado aos “Sentido(s) da(s) Cultura(s)”, os “Papés d´emprenta condenada” e a edición en galego da Constitución de 1812.
Para o ano 2013, ademais das súas actividades ordinarias e de alta asesoría en materia cultural, apuntou que a institución concentraría o seu programa no congreso (de febreiro a xuño) dedicado á Rosalía de Castro, novas olladas que seguirán ás contribucións do primeiro gran congreso que o CCG dedicara á autora de “Follas novas” en 1985. Destacou tamén o obxectivo de seguir potenciando a presenza na rede, particularmente a través do portal www.culturagalega.org “o máis visitado e o que conta con máis recursos”.
O TRURNO DOS PORTAVOCES
Os portavoces da comisiòn, presidida por Xosé A. Sánchez Bugallo, acolleron favorablemente a intervención do presidente do CCG.
Ana Pontón (Bloque Nacionalista Galego) criticou os recortes do goberno da Xunta en materia de Cultura e preguntouse se procederían por parte do CCG informes sobre a situación do decreto de plurilingüismo, o desenvolvemento da lei de patrimonio ou o futuro da Cidade da Cultura.
José Javier Ron (Alternativa Galega de Esquerda) expresouse en parecidos termos, logo de chamar a atención sobre a importancia da cultura como ben común e criticar “as amputacións sucesivas, en clave ideolóxica, nos presupostos de Cultura por parte da Xunta”.
Francisco Caamaño (Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE) deu os seus parabéns ao Consello da Cultura “por conseguir facer efectivamernte máis con menos” ao tempo que botaba en falta por parte da Xunta “un programa estruturado para o fomento da cultura.
Agustín Baamonde (Partido Popular) criticou á súa vez as intervencións dos portavoces da oposición indicando que “unha cousa é pintar unha pomba e outra facela voar” e negou que a crise do sector cultural se explicara únicamente pola influencia negativa da crise xeral e os recortes. Felicitouse tamén polo traballo desenvolvido e proposto polo CCG.
VALOR ESTRATÉXICO
No turno de réplica Ramón Villares agradeceu as palabras e a actitude dos voceiros, recordou o valor estratéxico da cultura no espazo europeo e abogou, unha vez máis, por unha xestión transparente con rendición de contas, planificación e escolla “porque non se pode abarcar todo”. Sobre o decreto de plurilingüismo remitiuse á proposta e o informe presentados e difundidos polo CCG e con relación á Cidade da Cultura, dixo que desbordaba o campo de acción do Consello, xa que debía abordarse polìticamente polo Parlamento e polo Goberno.


