----

Máis de dez mil persoas visitaron xa en Vigo a exposición "Galicia, unha cultura para un novo século", organizada polo Consello da Cultura Galega

<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/11/logo_xranoticia.jpg" alt="logo_xranoticia.jpg" />

<em><div id="pedefoto">Logotipo oficial da exposición dedicada ao 25 aniversario do Consello da Cultura Galega</div></em>

<em>Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2008</em>- Mais de dez mil persoas visitaron xa a exposición interactiva <a href="http://www.culturagalega.org/25anos.php">“Galicia 25. Unha cultura para un novo século”</a> organizada polo Consello da Cultura Galega e aberta desde o pasado 1 de outubro en tres salas dos Centros Cultural e Social de Caixanova, en Vigo. A mostra, que permanecerá nos escenarios vigueses ata o 30 de novembro e percorrerá logo outras cidades galegas, culmina o programa de actividades levado a cabo neste ano polo Consello da Cultura para conmemorar os seus primeiros 25 anos (1983-2008) baixo o lema “crear cultura, imaxinar país”.


<!--more-->
A exposición, conformada por 25 módulos ou unidades temáticas, “non é un inventario, senón mais ben unha mensaxe de futuro e unha expresión da pluralidade e do policentrismo da cultura galega”, en expresión do Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, para quen o feito de comezar en Vigo o percorrido supón “un recoñecemento ao carácter desta cidade como motor económico, industrial e tamén cultural”.

Estructurada baixo as denominacións “formas e espazos”, “palabras, imaxes e sons” e “fíos e desafíos” a exposición, comisariada por Victor F. Freixanes, Iago Seara e Henrique Monteagudo, abrangue arquitectura e identidade, cultura ambiental, espazos da comunicación, deseño e industria, historias debuxadas, o valor do patrimonio, a creación, a sociedade do coñecemento, os sons do lugar, o territorio luminoso das palabras, a festa dos mais novos, o libro, imaxes e ficcións, artes escénicas e as diferentes posibilidades e presenzas de Galicia no mundo por todos os camiños ou navegando outros mares.


<strong>UNHA INSTITUCIÓN ESTATUTARIA</strong>

O Consello da Cultura Galega é unha institución estatutaria. A súa existencia ven determinada polo Estatuto de Autonomía de Galicia no seu artigo 32 e responde ás obrigas e facultades que, para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego corresponden á Comunidade Autónoma . Foi creado por Lei do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983, do 8 de xullo). Réxese por esta Lei e polo Regulamento posterior, aprobado pola xunta de Galicia (Decreto 237/2000, do 29 de setembro). O CCG é un órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización e ocúpase da defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Está integrado por representantes de entidades e por personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega. Ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus obxectivos e actúa con independencia respecto aos poderes públicos da Comunidade Autónoma e da súa Administración.

No Pleno, o máximo órgano de goberno, están representadas: as tres universidades galegas, a Real Academia Galega, a Academia Galega de Xurisprudencia e Legislación, o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, a Real Academia Galega de Ciencias, a Real Academia Galega de Belas Artes, o Instituto da Lingua Galega, o Instituto de Estudios Xacobeos, a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, a Fundación Penzol e os museos de Galicia. O Pleno conta con vintecinco conselleiros: un nato, dez electivos e catorce representativos. O mandato dos vocais do Pleno así como dos membros e cargos do CCG pode prolongarse ata un máximo de oito anos.