----

22-F no CGAC: “Novos camiños para o estudo da cultura e a arte”, simposio en memoria do profesor Serafín Moralejo

Un simposio en memoria do profesor Serafín Moralejo, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e Zóbel de Ayala Professor da Universidade de Harvard, desenvolverase en sesións de mañá e tarde o venres 22 de febreiro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Serafín Moralejo (1945-2011) foi unha figura clave da cultura galega das últimas décadas. Este simposio convoca a un grupo de investigadores que haberán de redimensionar as contribucións da súa fértil, variada e orixinal produción intelectual en diversos campos das humanidades, sinalando as achegas nas liñas de investigación que el clarexou, tanto no ámbito da historia da arte, como da crítica literaria, a antropoloxía ou os estudos culturais. O programa foi coordinado por Manuel Castiñeiras González, Francisco Prado-Vilar e Rocío Sánchez Ameijeiras.

O simposio “Novos camiños para o estudo da cultura e a arte” (en memoria de Serafín Moralejo) será inaugurado ás 9 horas por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e deseguido comezarán as dúas sesións programadas, que inclúen doce relatorios.

SESIÓN I: TRAS AS PEGADAS DO MESTRE

Nesta sesión, seis profesores aos que dirixiu a súa tese doutoral situarán en perspectiva os traballos de Serafín Moralejo, analizando os seus propios procesos de reflexión e expandíndoos con achegas particulares sobre os diversos temas nos que Moralejo abriu camiños de pensamento.

9´30.- “Alén da nube do esquecemento: Clasicismo e transcendencia no pensamento de Serafín Moralej”. Francisco Prado-Vilar, Universidad Complutense de Madrid.

10.- “Artistas, patróns e público na arte do Camiño de Santiago. Sobre a
xénese e a fruición da obra de arte medieval”. Manuel Castiñeiras, Universitat Autònoma de Barcelona.

10´30.- “La voz a ti debida: Linguaxe, Retórica e Imaxes na Idade Media”. Rocío Sánchez Ameijeiras, Universidade de Santiago de Compostela.

11´30.- “As ordes mendicantes en Galicia (séculos XIII ao XV) e a lembranza dunn gran mestre, Serafín Moralejo”. Carmen Manso Porto, Real Academia de la Historia.

12.- “Mutacións Góticas: Kubler e a Forma do Tempo”. Matilde Mateo Sevilla, Syracuse University.

12´30.- 2Permanencias medievais na arte virreinal: as sereas da Audiencia de Charcas”. Margarita Vila Da Vila, Universidad Mayor de San Andrés de La Paz.

SESIÓN II: SERAFÍN MORALEJO E AS POSTAS DA MEMORIA XACOBEA

A sesión vespertina centrarase nos estudos Xacobeos, tendo en conta o compromiso intelectual que Serafín Moralejo mantivo co fenómeno da peregrinación e coa historia das manifestacións artísticas e culturais que o culto a Santiago xerou e a través das canles nas que se materializou.

16´30.- “Culto e cultura da peregrinación”. Fernando López Alsina, Universidade de Santiago de Compostela.

17.- “O Códice Calixtino revisitado”. J. M. Díaz de Bustamante, Universidade de Santiago de Compostela.

17´30.- “Serafín Moralejo e a arte do Camiño en Galicia”. Ramón Yzquierdo Perrín, Universidade da Coruña.

18´30.- “As tradicións románicas sobre os milagres de Santiago”. Mercedes Brea, Universidade de Santiago de Compostela.

19.- “Serafín Moralejo e a Catedral de Santiago de Compostela”. José María Díaz, Catedral de Santiago de Compostela.

19´30.- “A exposición Santiago Camiño de Europa: A semblanza dun proceso de Patrimonialización cultural e identitaria”. Iago Seara, Consello da Cultura Galega.