----

Cento sesenta estudiosos seguiron o simposio “Novos camiños para o estudo da cultura e a arte”, en memoria do profesor Serafín Moralejo

Cento sesenta estudiosos e investigadores seguiron hoxe o simposio “Novos camiños para o estudo da cultura e a arte”, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en memoria do profesor Serafín Moralejo, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e Zóbel de Ayala Professor da Universidade de Harvard. As sesións desenvolvéronse, mañá e tarde, no salón de actos do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Carmen Manso Porto, Matilde Mateo Sevilla, Margarita Vila, Fernando López Alsina, José Manuel Díaz de Bustamante, Ramón Yzquierdo Perrín, Mercedes Brea, Iago Seara e os tres coordinadores: Manuel Castiñeiras, Rocío Sánchez Ameijeiras e Francisco Prado Vilar foron os relatores nunha xornada interesante e emotiva.

Serafín Moralejo (1945-2011) foi unha figura clave da cultura galega das últimas décadas. O acto convocou a un grupo de investigadores que redimensionaron as contribucións da súa fértil, variada e orixinal produción intelectual en diversos campos das humanidades, sinalando as achegas nas liñas de investigación que el clarexou, tanto no ámbito da historia da arte, como da crítica literaria, a antropoloxía ou os estudos culturais, o fenómeno das peregrinacións ou as manifestacións artísticas e culturais derivadas do culto a Santiago.

O simposio foi inaugurado por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, acompañado por Francisco Durán, vicerreitor de estudantes da USC, e os tres coordinadores.