<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/11/clausuravlibrolecturaii.jpg" alt="clausuravlibrolecturaii.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Alfonso García Sanmartín (presidente da AGE), Víctor F. Freixanes e Fran Alonso (vicepresidente da AGE), durante o acto de clausura</em></div>
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2008.- "A presenza dos editores nas feiras debe realizarse desde criterios profesionais, facultando e dotando de medios aos editores e evitando que as dinámicas das feiras se movan baixo criterios políticos ou con excesivo peso institucional . Os editores son os auténticos interlocutores do libro galego no mundo" . Esta é unha das principais conclusións do V Simposio O Libro e a Lectura "O Libro galego no mundo: presente e futuro", organizado pola Asociación Galega de Editores (AGE) e celebrado, en colaboración co Consello da Cultura Galega (CCG), no salón de actos desta institución. O simposio, que contou coa asistencia de cen profesionais e estudiosos do mundo da edición, subliñou asemade o papel "fundamental do comercio exterior para o desenvolvemento do libro e a consolidación da cultura e da lingua galegas".
<!--more-->
As conclusións do simposio, logo de dous días de relatorios e debates, son as seguintes:
Ao remate do V Simposio do Libro e a Lectura, celebrado nun momento estratéxico para a internacionalización da edición galega baixo o lema de “O libro galego no mundo: presente e futuro” a Asociación Galega de Editores (AGE) quere facer públicas as seguintes conclusións:
1. En primeiro lugar, debemos felicitarnos polo gran éxito desta edición do simposio en canto ao número de asistentes ás xornadas e debates ao longo destes dous días, con participación activa do público, éxito que impediu aceptar as peticións de inscrición de todos os solicitantes e que converteu estes dous días nun encontro vivo, activo e participativo e moi proveitoso.
2. O simposio funcionou como unha ponte estratéxica de relación entre os editores galegos e os responsables das principais feiras do libro do mundo, presentes nos actos e convidados pola AGE: Frankfurt, Bolonia, Sao Paulo, Guadalajara e Liber.
3. Os participantes no simposio consideran fundamental o comercio exterior, non só para a madurez e desenvolvemento do libro galego, senón tamén para a madurez e consolidación da cultura e da lingua galega no mundo e de Galicia no seu conxunto.
4. Na actuación estratéxica que demandamos para o libro galego consideramos de especial importancia o apoio institucional á proxección exterior do mesmo, animando as iniciativas do propio sector e as empresas editoriais, de xeito que sexan elas quen asuman a xestión e a responsabilidade das actuacións no mercado.
5. Todos os profesionais internacionais asistentes coincidiron en que a presenza dos editores (galegos ou non) nas feiras debe realizarse desde criterios profesionais, facultando e dotando de medios aos editores, e evitando que as dinámicas das feiras se movan baixo criterios políticos ou con excesivo peso institucional. Xa que logo, os editores son os auténticos interlocutores do libro galego no mundo.
6. O esforzo individual de internacionalización que algunhas editoras galegas fixeron ao longo destes últimos anos está a dar froitos moi importantes para a presenza do libro galego no mundo e abre moi boas perspectivas para o resto da edición galega, tanto na implantación das editoras galegas no estranxeiro como na venda de dereitos internacionais do libro galego, con todo o que iso supón para o recoñecemento internacional da cultura galega.
7. A presenza efectiva do libro galego nas feiras internacionais, así como a súa visualización no exterior, esixe unha importante e innegable dotación de recursos económicos e supón, tal e como sucede en calquera cultura (mesmo a francesa), un investimento necesario para o recoñecemento internacional da produción editorial galega.
8. A Asociación Galega de Editores manifesta o seu compromiso de buscar os recursos precisos para a promoción do libro galego no exterior e para liderar o proceso de internacionalización que o libro galego demanda na actualidade.
9. Finalmente, a AGE quere mostrar o seu agradecemento a CEDRO e ao Consello da Cultura Galega que co-patrocinan este Simposio do Libro e da Lectura, simposio que chega xa a súa V edición constituíndose nun referente entre os profesionais do sector do libro e a lectura en Galicia.
AGE, Compostela, 14 de novembro de 2008

