----

OS RETOS E AS PERPECTIVAS DA INFORMACIÓN CULTURAL OCUPARÁN UNS ENCONTROS NO CCG A FINAIS DE ABRIL

Os profesionais dedicados á producción da información cultural nos medios de comunicación e os expertos nestes temas no ámbito universitario unirán esforzos e coñecementos nun foro auspiciado polo Consello da Cultura Galega. O CCG, a través da súa sección de comunicación reunirá a expertos e profesionais para debatir en torno ao binomio información e cultura no que suporá a segunda edición dos Encontros "A información cultural en Galicia: o que contan os medios", que se desenvolverá en Santiago os vindeiros luns 21 e 28 de abril, en sesións de mañá e tarde.

Os espacios que se lle dedican á cultura nos diarios, revistas, radios, televisións ou en Internet centrarán estas dúas xornadas, nas que se fará un intenso intercambio de ideas sobre o papel que desenvolve o xornalista como mediador e a percepción que o público ten sobre o mundo cultural a través das informacións que estes profesionais elaboran. A ampliación do espectro de públicos e intereses, a especialización dos contidos e o uso das novas tecnoloxías serán tamén algúns dos temas que se abordarán nestes encontros.

Os Encontros "A información cultural en Galicia: o que contan os medios" supoñen a segunda edición dun foro que se desenvolveu no Consello da Cultura Galega por vez primeira en abril de 2002, buscando establecer un marco xeral sobre a situación na que se atopaba a producción deste tipo de información en Galicia. Nesta nova edición os organizadores pretenden ir un pouco máis lonxe, analizando os retos aos que se teñen que enfrontar os profesionais que se dedican a elaborar esta información.

Entre os participantes aos encontros destacan expertos como Ricardo Pérez - Amat, da Universidade Juan Carlos I, Jorge Lozano, da Complutense, ademais de numerosos profesionais como José de Cora, Antonio Sangiao, Ana Romaní, Luís Álvarez Pousa ou Xesús Fraga.