Como autora do "Cancioneiro Popular Galego", obra en dez volumes editada en colaboración con Antón Santamarina, Schubart fará referencia ao estudio e á evolución dos cancioneiros en España e, en particular, en Galicia. Neste sentido, Schubart explicará como o Padre Sarmiento foi unha figura moi sensibilizada coa importancia de recoller estas formas de manifestacións artísticas aínda que, co tempo, foran decaendo ata chegaren ao desuso.
Esta musicóloga suíza fará fincapé na importancia que tivo o emprego do magnetófono para a recollida completa das letras e dos ritmos dos cancioneiros aínda que, xa a partir dos anos 20, en España os estudios sobre estas formas de comunicación desapareceron totalmente.
Finalmente, Dorothé Schubart fará un repaso polos distintos métodos de clasificación da música (por afinidade de temas, por afinidade de melodías, etc.) e de ordenación dos temas, sen esquecer o feito de que, segundo esta musicóloga, "existe moito material pero ninguén que traballe nel e tendo en conta que os seus protagonistas van morrendo, o estudio da música tradicional tamén morre con eles, xa non ten futuro".

