O Pleno, celebrado baixo a presidencia do titular da Xunta, Manuel Fraga, coñeceu e aprobou un resumo da actividade da institución en 2002 e as previsións para este ano, entre as que destacan un seminario internacional sobre a catástrofe do "Prestige", o Proxecto Sarmiento e o Informe de Política Lingüística 1980-2000. O Consello, órgano asesor e consultivo, autónomo e independente, cumprirá próximamente os seus primeiros vinte anos.
O Consello da Cultura Galega, que neste 2003 celebra os seus primeiros 20 anos, foi creado pola Lei do Parlamento de Galicia 8/1983 de 8 de xullo, completou con esta sesión plenaria, que non puido ter lugar o pasado mes de decembro, o ciclo do 2002. O Presidente, Alfonso Zulueta de Haz, anunciou que os vindeiros 7 e 8 de marzo terá lugar un seminario internacional sobre a catástrofe do "Prestige", organizado pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade e plantexado como contributo á superación dunha situación desgraciada. A sesión á que tamén asistiu o Conselleiro de Cultura, Comunicación social e Turismo, Jesús Pérez Varela, membro nato do Pleno, aprobou as actividades realizadas e os proxectos en marcha.
Informe do 2002
Alfonso Zulueta salientou o feito de que en 2002 o Consello celebrou 36 actos culturais coa participación de 250 relatores e a asistencia de 3.500 persoas. Aludiu tamén ás 25.000 persoas que visitaron as exposición organizadas pola institución dentro e fora de Galicia e subliñou a especial importancia que o Consello concede ás novas tecnoloxías e o papel desempeñado polo portal CULTURA.GALEGA.ORG. Lembrou tamén a ducia de publicacións editadas, ás que se engaden dúas reedicións, tres publicacións periódicas e cinco informes.
Proxectos para o ano
No tocante ós proxectos e programas de traballo para o 2003-04, o Presidente do CCG citou o Proxecto Sarmiento, a edición crítica en 25 volumes da obra, inédita, desta figura sobranceira da Ilustración, que empezarán a publicarse este ano, e ó Informe de Política Lingüística 1980-2000, do que acaba de aparecer o primeiro volume dos catro previstos.
Están previstas tamén exposicións sobre as Cantigas de Santa María e o Conde de Gondomar, o proxecto para o desenvolvemento do Centro de Análise e Documentación sobre Iniciativas Políticas Culturais de Galicia, a recuperación dos Fondos Documentais da Emigración, a catalogación dos manuscritos da Catedral de Santiago, a preparación do Libro Blanco do Teatro Galego e as aportacións ó Fondo Cultural Galego.
O CCG presentará en marzo un libro de lembranza e homenaxe a Carlos Casares, anterior Presidente da institución, concidindo co primeiro cabodano do seu pasamento. Alfonso Zulueta salientou o papel desempeñado polo CCG nestes vinte anos "como órgano asesor dos poderes públicos galegos e con capacidade, autonomía e independencia para defender e promover os valores culturais do pobo galego en diálogo vivo e fecundo con outras culturas nun mundo redimensionado polas novas tecnoloxías".
O CCG conta con once Seccións e catro Arquivos que, a través dos seus coordinadores e directores, informaron das actividades desenvolvidas e das programadas para o futuro inmediato.

