----

CASADO, UN DOS FUNDADORES DO PEN CLUBE GALICIA RECIBE UNHA HOMENAXE NO CCG TRALO SEU PASAMENTO O PASADO XANEIRO

Xoán Manuel Casado, escritor e un dos fundadadores do PEN Clube Galicia, do que era presidente Carlos Casares, será lembrado nun recital que terá lugar mañá, venres 22 de marzo de 2002, ás 20 h. no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega.

Casado (1949 - 2002) abordou a poesía, a narrativa, a traducción e o ensaio aínda que a penas chegou a publicar moitas obras. O seu pasamento deixa unha grande cantidade da súa obra inédita.

O recemente falecido Xoán Manuel Casado, avogado, escritor e un dos fundadores do PEN Clube de Galicia, será homenaxeado nun acto que acolle mañá o salón de actos do Consello da Cultura Galega, ás 20 h, organizado polo PEN Clube de Galicia, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura. Segundo os seus organizadores, o obxectivo do evento é manter viva a lembranza e a memoria deste escritor, falecido o mes de xaneiro pasado.

O ex presidente da RAG, Fernández del Riego, Alfredo Conde, o filólogo e secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, Margarita Ledo, Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, García Bodaño, Basilio Losada, Arcadio López-Casanova ou Méndez Ferrín, son algúns dos persoeiros que asistirán a homenaxe.

Xoán Manuel Casado (Barcelona, 18/12/1949 - 19/01/2002), fillo do escritor galego Manuel Casado, mantivo desde sempre fondos lazos con Galicia, principalmente a través de Castro Caldelas (Ourense). Aínda que pertenecía ó Corpo de Letrados do Instituto Nacional da Seguridade Social, nos últimos anos pedira a excedencia para dedicarse á exercer a avogacía na súa Barcelona natal, unha tarefa que lle permitía ter tempo para a literatura, á que consideraba a súa principal actividade. Poesía, con Rexistro de menores espantos (1973), Os preludios (1980) ou Libro de Caldelas (1982, Premio da Crítica), narrativa, O inverno do lobo (1985, Premio Blanco Amor), traducción ou ensaio, foron algún dos xéneros que abordou Casado. O seu temprano pasamento déixanos, sen embargo, unha grande cantidade de obra inédita.