----

ALTERNATIVA 2003 ABRE EN COMPOSTELA SEIS SEMANAS DE TEATRO, MÚSICA E DANZA INDEPENDENTE

Seis compañías de teatro, unha de danza, dúas de música, produccións propias, 55 artistas procedentes de Calaluña, Austria, Pais Vasco ou Andalucía e seis semanas de programación. Estas son as primeiras cifras do IV Festival de Alternativo de Teatro, Música e Danza de Compostela, que esta mañá tivo a súa presentación oficial na sede do Consello da Cultura Galega, unha das entidades que colaboran coa Sala Nasa e o Teatro Galán, os organizadores desta iniciativa.

Pero Ana Vallés, a representante do Teatro Galán, deu algún dato máis. Vallés falou do recorte orzamentario que eventos culturais coma este veñen sufrindo xa que, este ano, o aporte público a penas supera os 15.500 euros, polo que o resto dos cartos téñeno que aportar as salas. A pesares diso, e tal e como explicou o representante da Sala Nasa, Xesús de Ron, "quixemos manter unha ventá aberta ás compañías e produccións que teñen un difícil acceso ós circuítos de exhibición clásicos". "Lamentamos o recorte dos presupostos pero, aínda así ampliamos o calendario para deixar clara a nosa aposta por estas iniciativas", asegurou de Ron.

Pola súa banda, o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Castromil, destacou durante a súa intervención o carácter actual e comprometido deste festival que "confronta propostas de distintos ámbitos nacionais e internacionais" . Castromil destacou tamén que esta iniciativa cultural fixo de Compostela referencia obrigada no panorama escénico nacional.

O Festival Alternativo de Teatro, Música e Danza de Compostela, que este ano chega a súa cuarta edición, traerá a Santiago unha selección de propostas novidosas e arriscadas, todas inéditas en Galicia, " e tres delas son estreas absolutos", asegurou Vallés.

Entre as novidades desta cuarta edición destacan, ademais da ampliación do calendario, de tres a seis semanas, a aposta pola presentación de programas de curtos de investigación sobre teatro ou música. Xesús de Ron destacou tamén que Alternativa 2003 sería "un lugar de confrontación entre as propostas locais e as estranxeiras", unha confrontación que promova o debate e o contraste entre as distintas propostas.