----

OS VII ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA REUNIRÁN EN SANTIAGO A 200 INVESTIGADORES E TÉCNICOS OS DÍAS 23 E 24 DE OUTUBRO

Douscentos investigadores e técnicos participarán nos VII Encontros para a Normalización Lingüística, que se celebrarán en Santiago os días 23 e 24 de outubro organizados polo Centro de Documentación Siciolingüística de Galicia, do Consello da Cultura Galega (CCG).

O programa prestará atención especial ó labor das entidades que están definindo un espacio propio para o galego dentro das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Unha mesa de traballo ocuparase da achega informática e a formación e asesoramento lingüísticos.

Estructurados en catro conferencias e catro mesas de traballo con cadanseu coloquio, os encontros propoñerán tamén reflexión e debate sobre a situación do idioma galego no medio urbano. Unha das catro mesas de traballo previstas analizará propostas de dinamización lingüística nas cidades.

Na área das experiencias serán estudiados diferentes proxectos empresariais vinculados coa lingua, a rendibilidade e a contribución á normalización do idioma, ou sexa, a dinamización lingüística como proxecto empresarial.

Os Encontros serán inaugurados ás 09´30 horas do xoves, día 23, no curso dun acto que presidirá o Presidente do Consello da cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz e ó que asistirán o Director Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, Xesús Pablo González Moreiras, e o Secretario do CCG e Director do Centro de Documentación Sociolingüistica de Galicia, Henrique Monteagudo.

As sesións de traballo celebraránse na Aula de Cultura de Caixa Galicia, sita no número 18 da rúa Carreira do Conde, en Santiago de Compostela.